A evasión fiscal supón perdas de 426.000 millóns de euros

As multinacionais e as persoas ricas son as principais responsábeis do abuso e evasión fiscal que afecta a recadación de impostos nos países do mundo.
O centro de Londres (Inglaterra) é un dos focos de evasión fiscal. (Foto: Tristan Surtel)
photo_camera O centro de Londres (Inglaterra) é un dos focos de evasión fiscal. (Foto: Tristan Surtel)

O abuso fiscal de multinacionais e individuos ricos xera unhas perdas na recadación de impostos de 426.000 millóns de euros no planeta, dabondo para vacinar máis de tres veces a toda a poboación do mundo, destaca o informe do Estado da Xustiza Fiscal 2021, elaborado pola Alianza global pola xustiza fiscal, a Rede de xustiza fiscal e Servizos públicos internacionais, onde participan sindicatos de distintos países.

“Eses cartos son a punta do iceberg”, explica o científico de datos Miroslav Palanský, “é o que podemos ver grazas a avances recentes na transparencia fiscal, pero sabemos que hai moito máis abuso fiscal debaixo da superficie que xera magnitudes maiores en perdas fiscais”.

No estudo, sinálase que 275.000 millóns de euros pérdense no traslado de beneficios corporativos das multinacionais a lugares como os paraísos fiscais, cunha carga de impostos moito menor, mentres que 171.000 millóns desaparecen pola evasión fiscal no estranxeiro de persoas ricas. Tanto as multinacionais como os millonarios supoñen o 99% das perdas tributarias globais.

Os principais responsábeis son os Estados da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), unha entidade que agrupa 38 países como os Estados Unidos, Alemaña, o Estado español e a meirande parte da Unión Europea.

Responsabilidade da OCDE

A OCDE é “un pequeno club de países ricos e o principal creador de regras en materia de impostos internacionais”, apunta o documento, que destaca como os seus membros son responsábeis de “facilitar o 78% das perdas fiscais que sofren os países anualmente”.

A pesar disto, son os países menos desenvoltos os que máis padecen a evasión fiscal que favorecen os países da OCDE, onde a perda de financiamento representa a diminución de case o 10% nos orzamentos de saúde pública. Nos Estados de menos ingresos, acaba co 48% destes orzamentos.

“Os países máis ricos, de igual xeito que os seus antepasados coloniais, designáronse a si mesmos como os únicos capaces de gobernar sobre impostos internacionais.

As regras sobre onde e como as corporacións e os moi ricos pagan impostos teñen que ser decididas na Organización das Nacións Unidas”, sentencia Dereje Alemayehu, coordinador da Alianza global pola xustiza fiscal.

Comentarios