A evacuación desde Kabul afronta o último esprinte coa "ameza real" doutro atentado

Aumenta a 170 a cifra de falecidos no ataque reivindicado por ISIS-K.
EuropaPress_3896671_23_august_2021_pakistan_landi_kotal_pakistani_soldiers_and_the_afghan
photo_camera Soldados paquistanís e milicianos talibán, nun paso de Landi Kotal (Foto: PPI / ZUMA / dpa)

Polo menos 170 persoas perderon a vida, entre estas 13 militares estadounidense, e máis de 200 resultaron feridas no ataque suicida da quinta feira durante o plan de evacuación desde o aeroporto de Kabul, segundo informou o Ministerio de Saúde afgán. A cifra podería aumentar nas próximas horas.

Só o hospital Wazir Akbar Khan da capital afgá recibiu 145 corpos sen vida, e medio cento recibe atención con feridas graves, engadiron fontes sanitarias consultadas por axencias internacionais en Kabul.

O Pentágono comunicou que ten dúbidas de que fosen dúas as bombas. "Non cremos que houbese unha segunda explosión en ou perto do Hotel Baron; que foi un só atacante suicida", declarou o xeneral William Taylor nunha conferencia de prensa en Washington DC, segundo recolleu Associated Press.

O ataque foi reivindicado pola filial de Estado Islámico no Afganistán (ISIS-K), que de acordo coa declaración recollida pola canle de TV árabe Al Jazeera, tiña por obxectivo "tradutores e colaboradores do Exército estadounidense".

Ao respecto, o presidente do país norteamericano, Joe Biden, prometeu represalias. "Darémosvos caza e farémosvos pagar. Defenderei os nosos intereses e a nosa xente con todo poder do meu mando", afirmou.

Biden, segundo informou a CNN, foi advertido nesta sexta feira, 27 de agosto, polo seu comité de expertos en seguridade nacional que "outro ataque terrorista en Kabul é probábel", ao tempo que a misión de evacuación entra no "período máis perigoso". Hai unha "ameaza críbel e real", afirmaron.

Éxodo e asasinatos

O Goberno talibán asegurou a varios países que permitirá saír  as persoas que teñan os papeis en regra despois da data límite de saída de tropas da vindeira terza feira. Na sexta feira, as imaxes de medios locais como Tolo News mostraban que, malia o atentado, as inmediacións do aeroporto ─agás a porta principal onde se produciu a explosión─ estaban ateigadas de xente.

Neste sentido, a axencia para as persoas refuxiadas da ONU, Acnur, sinalou en conferencia de prensa que está a traballar no posíbel escenario dun éxodo masivo de cidadáns afgáns a través das fronteiras terrestres despois do 31 de agosto.

Onte, segundo medios locais, seis civís afgáns morreron polos disparos de militares paquistanís ao tentar cruzar a fronteira por Torkham fuxindo do Afganistán.

Comentarios