Euskadi votará nas urnas o 5 de abril

Euskadi votará o 5 de abril. Así o confirmou na segunda feira, 10 de febreiro, o lehendakari Iñigo Urkullu, quen opta a revalidar no cargo cun PNV empoderado após ser primeira forza de maneira continuada nas seis últimas votacións realizadas no País Vasco. A boa onda electoral para a formación jeltzale, o acordo co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez sob o compromiso de completar as transferencias e evitar coincidir cuns previsíbeis comicios cataláns en xuño son algunhas das claves deste adianto. 
 
O actual presidente vasco, Iñigo Urkullu (Imaxe: Goberno vasco)
photo_camera O actual presidente vasco, Iñigo Urkullu, convocou as eleccións desde a sede da Lehendakaritza (Imaxe: Goberno vasco)

Xa é oficial. Euskadi escollerá o seu novo Parlamento o vindeiro 5 de abril, tal e como anunciou publicamente na segunda feira, 10 de febreiro, ás catro da tarde, o lehendakari Iñigo Urkullu, unha semana despois de estudar no seo do Executivo a posibilidade de adiantar os comicios. Desta maneira, o presidente que en 2012 recuperou o Goberno para o Partido Nacionalista Vasco, adianta medio ano as eleccións, pois as anteriores foran o 25 de setembro de 2016.

O Boletín Oficial do País Vasco publica na terza feira, 11 de febreiro, o decreto de disolución do Parlamento e a convocatoria de comicios. 

"O clima electoral instalouse en Euskadi", esgrimiu Urkullu como principal razón que os levou a decidirse pola convocatoria. "Comprobamos que a dinámica iniciada no Parlamento vasco fará moi difícil avanzar na aprobación dos proxectos e proposicións de lei que se atopan en tramitación. Son 29 iniciativas e é improbábel que a gran maioría delas poidan ser aprobadas nos meses que restan de lexislatura", recoñeceu o presidente Urkullu. 

Outra das xustificacións que deu o lehendakari, e en base ao ambiente electoral que percebe no seo da Cámara, apóiase en querer "aforrar á sociedade vasca unha campaña electoral permanente ao longo dos próximos oito meses", reducíndoa desta maneira a uns sesenta días. Baixo esta tese, Iñigo Urkullu esgrimiu que "Euskadi gaña tempo para adoptar as decisións que permitan responder os retos estratéxicos de futuro que ten que abordar nos próximos anos". 

Aludindo á gobernabilide augurou que, desta maneira, antes do verán estará formado o novo Executivo vasco, o cal "permitirá poder aprobar as directrices económicas e orzamentarias de cara ao exercicio 2021". "Convocar agora as eleccións supón na práctica gañar medio ano", sentenciou Iñigo Urkullu. 

O PNV vén de gañar seis eleccións seguidas

Nas últimas seis citas electorais o PNV ficou como forza máis votada. Desde que nos comicios xerais de 2016 Podemos quedara primeiro con 29,28% dos votos, superando en catro puntos o PNV, a formación jeltzale púxose de novo na cabeceira, gañando as eleccións vascas que tamén tiveron lugar en 2016, con 37,60% de apoio; nas xerais de abril de 2019, nas municipais, na votación ás Xuntas xerais e nas do Parlamento europeo de maior de 2019 e, por último, na repetición dos comicios ao Congreso e ao Senado do pasado 10 de novembro. 

O PNV está nunha boa situación electoral e vén ademais de reforzar o seu perfil de defensa do autogoberno

O PNV está nunha boa situación electoral e vén ademais de reforzar o seu perfil de defensa do autogoberno e de chave para a gobernabilidade do Estado, posibilitando a investidura de Pedro Sánchez cos seus votos no Congreso español a cambio dun compromiso para completar a transferencia das competencias pendentes e que figuran no Estatuto de autonomía de Gernika. 

De non haber moitos cambios no comportamento electoral respecto a estes últimos comicios, após o 5 de abril podería reeditarse un Goberno entre o PNV e o PSE ou un Executivo soberanista de a formación jeltzale e EH Bildu chegaren a un acordo. Tendo en conta que actualmente o Partido Socialista é o socio de Goberno de Urkullu, e que conta con tres consellarías no Executivo vasco, semella que esta é a opción preferente para o PNV. 

Candidatas á Presidencia

Urkullu disputará a lehendakaritxza con Idoia Mendia (PSE) e con Maddalen Iriarte, quen repite encabezando a candidatura de EH Bildu. Podemos ten previstas as súas primarias a finais deste mes, entre a ex deputada Rosa Martínez e a ex senadora Miren Gorrotxategi.

No PP aínda non decidiron o futuro do seu actual líder en Euskadi, Alfonso Alonso. A dirección vasca apóiao mais na estatal aínda non se pronunciaron e procuran alguén con maior sintonía con Pablo Casado. 

Fica tamén pendente saber se Ciudadanos irá en coalición co PP. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios