Euskadi sancionará o enaltecemento do franquismo

O proxecto de Lei da memoria fixa multas pola destrución de foxas comúns.
Acto de homenaxe a Franco e a Primo de Rivera. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto de homenaxe a Franco e a Primo de Rivera. (Foto: Europa Press)

O Goberno vasco ven de rexistrar no Parlamento o proxecto de Lei de memoria histórica, co obxectivo de “regular as políticas públicas nesta materia” e situar “Euskadi como referencia en memoria histórica e democrática”. Neste sentido, a conselleira de Igualdade, Xustiza e Políticas Sociais, Beatriz Artozabal aposta con esta norma por dar continuidade “a unha traxectoria de décadas” e “reforzar un marco normativo contra a impunidade”.

Asemade, subliña que a lei “mira ao pasado, pero sobre todo mira ao futuro de Euskadi. Un futuro con memoria, porque a verdade é a mellor garantía para a xustiza e para a non repetición. E a memoria, a verdade, a xustiza e a non repetición son patrimonio democrático de todos e todas”.

A proposta  regula o dereito das vítimas ao seu recoñecemento e reparación, para o que prevé unha acción transversal na liña das demandas do movemento vasco da memoria. A este respecto, aposta por “valorar a pertinencia e viabilidade de indemnizacións complementarias ás xa materializadas no pasado por esta administración, e no seu caso, proceder á súa aplicación”.

Na mesma liña, defende o recoñecemento individual ás vítimas mortais e o estabelecemento dun día anual para o recordo e homenaxe ás vítimas do golpe militar e a ditadura. A iniciativa aborda a definición dos espazos da memoria e compromete “a creación dun catálogo dos lugares, itinerarios e espazos, deixando para un posterior desenvolvemento, o réxime de protección e conservación”.

O proxecto de lei conten un réxime de sancións onde se determinan diversos tipos de infraccións e as súas correspondentes sancións, que se traducen en multas que van desde 10.000 até 150.000 euros no caso das infraccións moi graves, de 2.000 até 10.000 euros para as infraccións graves e de 200 a 2000 euros para as infraccións leves.

Así, entre as primeiras atópanse “a destrución de foxas de vítimas” ou “a destrución e ocultación de documentos relevantes para a investigación e coñecemento da verdade”.

Pola súa parte, entre as segundas, sitúanse as relativas “á non comunicación de achados de restos humanos”, ás manifestacións que atenten contra as vítimas do franquismo e aos actos de conmemoración ou exaltación do golpe militar de 1936 e da ditadura.

Comentarios