Acordan “normalizar” a política penintenciaria

Euskadi pacta co Goberno central negociar 37 transferencias

A primeira xuntanza do lehendakari Iñigo Urkullu co presidente do Goberno central rematou cun acordo: a creación dunha comisión bilateral entre os dous Executivos para negociar o trasapaso a Euskadi de 37 competencias.

moncloa 2
photo_camera Íñigo Urkullu e Pedro Sánchez, esta segunda feira na Moncloa. Foto: Moncloa.

Na Moncloa, e coas bandeiras vasca e española de escolta, Urkullu e Pedro Sánchez mantiveron un encontro “cordial e positivo”, segundo expuxo o propio lehendakari. O principal acordo foi o da formalización dun “grupo bilateral de análise e negociación” que se encargará de tratar sobre 37 competencias pendentes no Estatuto de Gernika. Para o presidente vasco, hai tres materias “máis avanzadas” e que considera prioritarias: as autoestradas A-68 e A-1, o porto de Pasaia e os cárceres.

Urkullu tamén transmitiu a Sánchez a intención do Parlamento vasco de “actualizar e profundizar” no autogoberno. Para iso a Cámara vasca puxo en marcha unha ponencia. O presidente vasco expresou “a necesidade de reflexionar sobre o actual modelo de Estado desde a asunción da súa propia realidade plurinacional e a existencia de feitos diferencias que demandan un tratamento propio e singular”.

Os dous presidentes tamén falaron sobre o futuro dos presos vascos. “Cómpre un novo enfoque para a política penintenciaria neste novo tempo despois da disolución definitiva de ETA”, afirmou Urkullu, “unha reorientación legal da política penintenciaria e o achegamento de persoas presas”. O lehendakari engadiu que entende “as razóns da cautela de Sánchez” ao respecto.

Comentarios