Euskadi inicia a X lexislatura parlamentar con chamadas a negociación "sen vetos nin exclusións"

Constituiuse o Parlamento vasco, que será presidido por Bakartxo Tejería (PNV) e terá como vicepresidente primeiro a Juanjo Agirrezabala (EH Bildu) e segundo a Blanca Roncal (PSOE). Tejería pediu aos e ás parlamentarias un compromiso para combateren a crise económica e traballar polo diálogo e acordo "sen vetos nin exclusións".
Mesa do Eusko Legebiltzarra
photo_camera Mesa do Eusko Legebiltzarra

Esta cuarta feira constituiuse o Parlamento vasco saído das urnas o 21-O, dando así inicio á X lexislatura en Euskadi, marcada por ser a primeira cámara que se forma desde a transición sen a existencia da actividade armada de ETA e, após o anterior período, coa volta da esquerda abertzale ao hemiciclo de Gasteiz. O Parlamento está conformado por 27 deputad@s do PNV, 21 de EH Bildu, 16 do PSOE, 10 do PP e 1 de UPyD.

A sesión comezou coa constitción da Mesa do Parlamento, que será presidida por Bakartxo Tejería (PNV) e terá como viepresidente primeiro a Juanjo Agirrezabala (EH BIldu) e segunda a Blanca Roncal (PSOE). A secretaría primeira recaerá nesta lexislatura en Antón Damborenea (PP) e Iñigo Iturrate (PNV).

No seu discurso de toma de posesión a nova presidenta do Parlamento referiuse á situación de crise que atravesa Euskadi e apelou a todas as forzas con presenza no hemiciclo autonómico a sumar esforzos para facer fronte á crise. Bakartxo Tejería tamén fixo mención ao novo escenario político que vive Euskadi, apuntando a que o cese da actividade armada de ETA e a presenza no parlamento de todas as opcións políticas favorecen un "diálogo sen vetos nin exclusións".

Tejería tamén tivo na súa intervención un momento para recordar aos tres parlamentarios asasinados no conflicto: Fernando Buesa e Gregorio Ordóñez (do PSOE e PP, a mans de ETA) e Santi Brouard (de HB, asasinado polos GAL).

Comentarios