Euskadi critica a influencia electoral no estado de alarma

O Goberno vasco insiste na necesidade de estender o estado de alarma para afrontar do mellor modo a pandemia, defendendo que deixar as medidas en mans dos tribunais non é unha solución idónea. Tamén acusa o Executivo español de actuar "pensando" nas eleccións da Comunidade de Madrid do próximo
4 de maio.
O vicelehendakari, Josu Erkoreka, e a conselleira de Gobernanza pública, Olatz Garamendi. (Foto: Irekia)
photo_camera O vicelehendakari, Josu Erkoreka, e a conselleira de Gobernanza pública, Olatz Garamendi. (Foto: Irekia)

“Coa esperanza posta” na prórroga do estado de alarma, “unha vez salvado o obstáculo electoral madrileño”, así se expresou hoxe Josu Erkoreka, vicelehendakari e conselleiro de Seguridade do Goberno de Euskadi.

“A ninguén se lle ocorre agora que en Euskadi se poida restabelecer o ocio nocturno con absoluta liberdade, sería seguramente un enorme problema de saúde pública”, puxo como exemplo o membro do Executivo vasco nunha entrevista con RNE.

Erkoreka sinalou que é preciso que moitas medidas continúen en vigor para poder combater de modo eficaz a pandemia, polo que non se pode renunciar á prórroga das mesmas, e rexeitou que sexan os tribunais os que decidan sobre as restricións.

Neste sentido, afondou na situación en Euskadi, onde os tribunais “foron particularmente restritivos no apoio a estas iniciativas”, o que se convertería nun “problema serio” se as medidas de control dos efectos da Covid-19 dependeran deles.

Decisión xudicial

Outra mostra da decisión do poder xudicial no control da pandemia foi a de ordenar a reapertura de casinos, bingos e salas de apostas na Comunitat Valenciana, o pasado 15 de abril, por parte do seu Tribunal Superior de Xustiza, que se baseou en que na recomendación do Ministerio de Sanidade só se prevía o seu fechamento se a situación se atopaba no grado epidemiolóxico máis alto, e argumentaba que non teñen constancia de que se “vaian producir perturbacións graves dos intereses xerais” por deixalos abrir.

A opinión formulada polo vicelehendakari non é compartida polo Goberno do Estado. O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, defendeu esta cuarta feira desde Iruña (Nafarroa) que “en principio semella que non vai ser necesario articular máis mecanismos do estado de alarma”.

Campo incidiu en que hai que traballar na solución á situación derivada da pandemia con unidade, e “chega con que o Goberno diga unha cousa para que a oposición se sitúe na contraria”, resolveu o ministro.

Non haberá unanimidade nos tribunais para responder ás medidas contra a pandemia unha vez que remate o estado de alarma, afirmou Francisco Javier Pueyo, presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa. O xuíz recomendou cambiar a lexislación para adecuarse ás medidas especiais en materia de saúde e indicou que “a lei de 1986 necesita unha actualización para despexar esas dúbidas xurídicas”.

Con respecto ao fin das medidas de excepción, o vicelehendakari, Josu Erkoreka, destacou que semella que desde o Goberno do Estado se está a agardar a que haxa un clamor unánime para dar o paso e "que ninguén o perturbe" no Congreso, mais nunha situación tan tensa ve imposíbel que se poida producir.

Comentarios