Reclaman as súas competencias

Euskadi consolida a senda do autogoberno

Após as catro competencias logradas o pasado mes de abril, o Goberno vasco continúa na senda das transferencias e solicita agora facerse co servizo de meteoroloxía e de salvamento marítimo para garantir unha mellor decisión e administración dos recursos, optimizar o servizo á cidadanía e achegar a ela os centros de decisión. Euskadi desenvolve así o seu autogoberno. 
 
Sánchez recibe Urkullu na Moncloa en 2018 (EP)
photo_camera Sánchez recibe Urkullu na Moncloa en 2018 (EP)

A comezos de 2019 a Lendakaritxa recibía un calendario elaborado polo Executivo de Pedro Sánchez para levar a cabo 33 das 37 transferencias reclamadas por Euskadi, co ano 2020 como obxectivo para o cumprimento dos traspasos. Tan só ficaban fóra das previsións as catro competencias relacionadas coa xestión da Seguridade Social que o PNV continúa na actualidade a reclamar. O nacionalismo vasco era, ao igual que o é agora, decisivo no Estado.  

«As transferencias non deben dilatarse durante máis tempo», sentenciou a titular vasca de seguridade 

Ese traspaso naceu dun acordo negociado entre o Executivo central e o vasco a finais de 2017 e acordouse en febreiro deste ano. Nel englóbanse varias materias que ficaban pendentes de transferir desde a promulgación en 1979 do Estatuto de Gernika.

Ao atoparse o Goberno central en funcións desde abril, a maioría das transferencias quedaron bloqueadas. Entre as paralizadas atópanse as axudas previas á xubilación para traballadoras e traballadores afectados por ERE, a lexislación sobre os produtos farmacéuticos e os seguros escolares. A última transferencia que se produciu foi precisamente a da AP-68, no mes de abril, poucos días antes das eleccións. 

A axenda vasca imponse nas negociacións

O músculo electoral de EAJ-PNV amosado nos comicios de novembro, que se traduciu en 32% de apoio, aumentando un punto respecto ao conseguido nas eleccións xerais de abril, sitúa a formación jeltzale nunha posición privilexiada para negociar a investidura de Pedro Sánchez. 

Nese marco de negociación o que prima é a axenda vasca, tal e como trasladou o portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, á propia Adriana Lastra, encargada do PSOE de levar adiante as conversas de cara á sesión de investidura. 
Os seis deputados e deputadas nacionalistas valoran apoiar Pedro Sánchez na presidencia do Goberno se hai un compromiso para desbloquear as transferencias que foron prometidas a comezos de 2019 e completar así o Estatuto de Gernika. Mais a axenda vasca tamén formula outras condicións, como son o respecto ao autogoberno, culminar a Alta Velocidade ou a defensa do sector enerxético. 

O nacionalismo vasco é necesario para dar estabilidade ao novo Executivo de PSOE e Unidas Podemos

O nacionalismo vasco é necesario para dar estabilidade ao novo Executivo de PSOE e Unidas Podemos que até se chegou a apuntar por diversas analistas a posibilidade de que ambas as dúas formacións estatais poderían estar interesadas en convencer o PNV para que asumise unha carteira ministerial e estar, por tanto, presente no Consello de Ministras.

Novas competencias para mellorar os servizos de emerxencias

Mentres avanzan as negociacións, Euskadi tira da corda para facer valer a súa forza. Cuarta feira, 20 de novembro, a conselleira vasca de Seguridade, Estefanía  Beltrán de Heredia, reclamou desde Donosti «o traspaso das competencias de Meteoroloxía e Salvamento Marítimo, e a súa integración plena no Plan Xeral de Seguridade Pública de Euskadi».

No marco da xornada Alerta Kostaldean, reuníronse no Aquarium donostiarra personalidades expertas que analizaron os diversos tipos de impacto que xera a meteoroloxía adversa na costa e a súa influencia nas emerxencias. Tratouse así de como o estado da mar pode afectar as diferentes usuarias e xestoras da contorna costeira en praias, portos, estradas e paseos marítimos. Abordouse tamén a propia xestión do Departamento de Seguridade do Goberno vasco na costa.

No seu relatorio, a conselleira Beltrán de Heredia sinalou que «a meteoroloxía é unha das transferencias que segue nun letargo administrativo sen sentido e que require xa dunha resolución definitiva», e puxo en valor o labor que desempeña a Axencia Vasca de Meteoroloxía, Euskalmet, destacando que «é un dos servizos máis apreciados e unha das marcas máis coñecidas pola cidadanía». A titular vasca de Seguridade concluíu a súa exposición subliñando que as transferencias «non deben dilatarse durante máis tempo».

O PP alerta dunha nova fronte anticonstitucional 

O Partido Popular colleu ar en Euskadi após esnafrarse nas xornadas electorais de 28 de abril e de 10 de novembro. Eses dous domingos depararon cero representantes para a dereita española no Congreso dos Deputados. Pese aos malos resultados, o reconto do voto do electorado residente ausente (CERA) realizado após o 10-N arrebatou ao PNV a súa sétima acta que foi deparar ao PP por unha presa de votos. 

O borrador sobre un novo Estatuto «desborda a Constitución e recoñece o dereito a decidir», asegurou Alonso

Agora, garantida a súa representación nas Cortes, o presidente do PP vasco, Alfonso Alonso, voltou á carga afirmando que en Euskal Herria se está a preparar unha nova fronte anticonstitucional contra España. 
A este respecto, Alonso asegurou que o decreto sobre o uso das linguas oficiais en Euskadi e o borrador sobre un novo Estatuto que está a elaborar un grupo de expertas a petición da Cámara vasca e que se debaterá proximamente no Parlamento son «inconstitucionais», e enmarcounas dentro desa fronte antiespañola. 

O líder popular chegou a afirmar que o seu partido defende mellorar e desenvolver o Estatuto de Gernika, mais asegurou que o borrador sobre un novo Estatuto «desborda a Constitución e recoñece o dereito a decidir». Por estes motivos alertou de que que «veñen curvas».

O decreto sobre as linguas sinalado por Alonso nas súas críticas é un articulado aprobado esta semana polo Goberno vasco polo que se faculta ás entidades locais para decidir como regular o uso do euskera e o castelán nas súas relacións internas e públicas. O texto enmárcase nos obxectivos da Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais, de forma que unha das súas pretensións é impulsar o uso do euskera nos municipios. Con todo, o decreto avala que a cidadá ou cidadán decida empregar a lingua que desexe. 

Alonso acusou o Executivo vasco de tratar de «usurpar» os dereitos á cidadanía e chamou á xente a «rebelarse» e expor «reaccións» ante o que considera un «ataque» ás liberdades. Así mesmo, o presidente do PP valorou que detrás do decreto se agocha a «ansia» do PNV por introducir na cidadanía as súas teses nacionalistas. Os populares están de feito valorando apresentar un recurso contra o decreto. 

Madrid non chama a Bildu

En canto ao papel que xogará a forza da esquerda abertzale na sesión de investidura, a portavoz do grupo no Congreso, Mertxe Aizpurua, asegurou que a súa formación está agora «moi afastada» das posicións de Pedro Sánchez e esixiulle «feitos e non palabras» en favor do diálogo para resolver o problema político das nacións sen Estado. Só así falarán en Bildu das posibilidades de dar apoio ou de absterse na sesión de investidura. 

«Estamos á expectativa», afirmou Aizpurua

Con todo, desde a formación da esquerda abertzale lamentan que non tiveron contactos oficiais co PSOE para falar da investidura xa que non recibiron ningunha chamada de Ferraz.

«Estamos á expectativa», afirmou Aizpurua, quen lembrou que o pasado mes de xullo Bildu se abstivo nas dúas votacións ás que se someteu Pedro Sánchez. Nese sentido, a abertzale anunciou que, de o aspirante do PSOE apostar con firmeza polo diálogo para resolver os problemas políticos, elas actuarán con «responsabilidade».

Aizpurua remarcou que a súa formación ten un acordo estratéxico con forzas soberanistas doutras nacións do Estado mais que non son forzas «monolíticas» e que no seu voto na investidura «influirán outros compoñentes», e adiantou que o seu sentido de voto  será consultado entre as bases.

Euskadi avanza e a Galiza agarda

O pasado 5 de abril os tramos da autopista AP-68 que percorren territorio vasco transferíanse a Euskadi. Acontecía este feito tan só ás poucas horas de que o PNV e EH Bildu deran o seu apoio a seis decretos de Pedro Sánchez na Deputación Permanente do Congreso. Os seus votos eran esenciais. Mentres, a Galiza continúa agardando pola transferencia da AP-9, unha reclamación múltiples veces bloqueada desde Madrid e que agora reclamará de novo o Bloque nas Cortes.  

Comentarios