Euskadi activará a emerxencia sanitaria esta segunda feira

O Goberno vasco anunciou a pasada sexta feira que declarará a emerxencia sanitaria en Euskadi co fin de adoptar medidas adicionais que permitan conter a expansión do coronavirus.
Íñigo Urkullu (Europa Press).
photo_camera Íñigo Urkullu (Europa Press).

O Boletín Oficial do País Vasco publicará esta segunda feira, 17 de agosto, a normativa que declarará a situación de emerxencia sanitaria en Euskadi. Así o avanzou a pasada sexta feira o Goberno en funcións do lehendakari, Íñigo Urkullu, quen asumirá o mando único na xestión da crise do coronavirus mediante a activación complementaria do plan de protección civil (Larrialdiei Aurregiteko Bidea, LABI).

O Goberno en funcións ultima unha "tripla normativa" para aplicar canto antes as medidas acordadas polas comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, entre as que está a prohibición de fumar na rúa e o feche de discotecas e locais de copas, mais tamén co obxectivo de poder adoptar decisións adicionais que permitan frear o avance da Covid-19.

A Lei de xestión de emerxencias de Euskadi autoriza o Goberno vasco a decretar o confinamento da poboación no seu domicilio, limitar a realización de determinadas actividades, restrinxir o acceso a espazos concretos ou condicionar o uso de servizos públicos ou privados.

Segundo recolle a norma, estas medidas, "terán unha vixencia limitada estritamente ao tempo necesario para afrontar a emerxencia" e deberán ser "proporcionadas á entidade do risco".

Medidas concretas

As conselleiras de Saúde e Desenvolvemento Económico en funcións do Goberno vasco -Nekane Murga e Arantxa Tapia- adiantaron onte que tratarán de adecuar medidas concretas a focos específicos para responder ás exixencias do marco xurídico, que pide asumir solucións específicas, selectivas, "conforme as necesidades de cada momento".

Será a segunda vez que Euskadi declare a emerxencia sanitaria. Fíxoo por primeira vez no mes de marzo, co fin de frear, como agora, unha curva epidemiolóxica en ascenso. Na última xornada, o departamento vasco de Saúde rexistrou 610 novos contaxios, a cifra mási alta desde o fin do estado de alarma. 

As primeiras decisións non se coñecerán até a vindeira terza feira, día no que o lehendakari presidira como mando único a primeira reunión do comité asesor encargado de discutir todas as opcións.

Comentarios