Piden o apoio ás iniciativas de México e Uruguai

Europarlamentares soberanistas e de esquerda condenan o recoñecimento de Guaidó

Entre as parlamentares asinantes dunha carta dirixida aos órganos de goberno da UE e do Consello de Europa figuran Ana Miranda (BNG) e Lidia Senra (AGEe), ben como representantes do PCP, Podemos, Sinn Fein e Izquierda Unida. Condenan o recoñecimento de Juan Guaidó como presidente de Venezuela.

 

 

Hemiciclo do Parlamento Europeo (Foto: Parlamento Europeo).
photo_camera Parlamento europeo

39 parlamentares de forzas soberanistas e da esquerda non socialdemócrata asinaron unha carta en relación aos acontecimentos de Venezuela dirixida ás presidencias do Consello de Europa e do Consello da Unión Europea ben como ás representacións permanentes dos estados membros da Unión.

Na misiva condenan "calquera expresión de apoio ao golpe de estado en curso en Venezuela" e enfatizan que a auto-proclamación de Juan Guaidó non acha amparo na Constitución da República Bolivariana do país caribeño, para alén de ter sido rexeitada pola OEA, o Consello de Seguridade e Dereitos Humanos da ONU e o CARICOM (a Comunidade do Caribe, entidade supranacional que engloba 15 estados de pleno dereito, entre eles Xamaica, Haití e Trinidade e Tobago).

"O recoñecimento de tal auto-proclamación constitúe unha severa ameaza á lei internacional e a Carta de Nacións Unidas, nomeadamente no que atinxe ao principio de non interferencia nos asuntos internos dun estado soberano", afirman as parlamentares, ao tempo que alertan de que calquera erosión do dereito internacional pode acabar resultando nunha "intervención militar estranxeira a custa do sufrimento e das vidas do pobo venezuelano".

A alternativa a continuar a alimentar a escalada do conflito pasaría por apoiar desde as institucións comunitarias a convocatoria feita por México e Uruguai dunha Conferencia internacional xa axendada para esta quinta feira 7 de febreiro en Montevideo, unha cimeira aberta a todos os estados que tenciona "estabelecer as condicións precisas para un diálogo político inclusivo que poda suavizar as tensións en Venezuela e procurar solucións para unha saída política á perigosa situación actual".

Comentarios