NOVA DEMOCRACIA PREPÁRASE PARA FORMAR GOBERNO

As políticas europeas triunfan nas eleccións gregas

Finalmente, malia estaren moi igualados, Grecia concedeulle certa marxe (o 29,6% dos votos) ao partido conservador Nova Democracia, por riba da coalición de esquerda Syriza (26,8%).

Os prognósticos apuntaban que habería pouca diferenza, pero finalmente, imponse a dereita, con 79 escanos, que coa prima de 50 escanos para o partido máis votado, chegan a 129. Prepáranse para formar goberno co socialdemócrata PASOK (12,3% dos votos e 53 escanos), co que xa chegarían á maioría parlamentaria, e pode que tamén con Esquerda Democrática (6,2%, 17 escanos). Antonis Samaras comeza hoxe as negociacións.

Con todo, esa coalición representaría só á metade do electorado. Malia apoios coma a prima de 50 escanos, os resultados amosaron a fragmentación e polarización da cidadanía grega, en crise despois de cinco anos de recesión e dous de recortes brutais, coa cuarta parte da poboación activa no paro e sen políticas de benestar. Así e todo, os resultados perfilan un panorama continuísta coa política de austeridade que marca Bruxelas: “Faremos o que hai que facer”, dixo Samarás, “traballaremos cos socios europeos para engadir ás políticas de austeridade algunhas medidas que fomenten o crecemento”.

A coalición de esquerdas Syriza, liderada por Alexis Tsipras, quedou ás portas por pouco. A presión de Europa, en particular de Alemaña, para propiciar o voto á dereita, deixa un grupo forte na oposición, que se prevé dura (o rexeitamento ás políticas da austeridade, que quedou demostrado, terá tamén a súa repercusión nas rúas). Para Tsipras, pode ser unha posición cómoda a oposición.

Outros partidos representativos foron Gregos Independentes (de dereita), cun 7,5% dos votos e 20 escanos, o neonazi Mencer Dourado (case 7% dos votos e 18 escanos), e o comunista KKE (4,5%, 12 escanos).

Comentarios