sábado 23/01/21
Semestre de Portugal á fronte do Consello da UE

A "Europa social" será o "coração" da presidencia de quenda portuguesa da UE

O Goberno de Portugal recolle o vindeiro 1 de xaneiro o testemuño do de Alemaña na presidencia de quenda da Unión Europea. Durante os próximos seis meses, o Executivo de António Costa ten importantes retos por diante, o principal, xestionar a segunda fase da pandemias e os seus efectos económicos.
Costa, co presidente luso, Rebelo de Sousa, en imaxe de arquivo. (Foto: Governo de Portugal)
Costa, co presidente luso, Rebelo de Sousa, en imaxe de arquivo. (Foto: Governo de Portugal)

"O foco" e "o coração" da presidencia de quenda de Portugal da UE vai ser a "Europa social", aprendendo das leccións da crise da Covid-19 e así evitar que "ninguém fica para trás". Unha conferencia e un Consello Europeo informal no Porto, o 7 e 8 de maio de 2021, respectivamente, serán o "momento alto" deste mandato. O Goberno portugués pretende que a dupla cita vaia seguida da aprobación final dunha declaración vinculante sobre este piar social da UE.

Asegurouno hai unhas semanas o ministro dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos Silva, nunha entrevista para a axencia de noticias Lusa, e ratificouno a finais de novembro o primeiro ministro, António Costa, nunha conferencia na Universidade Católica, en Lisboa, durante a que presentou o plano para o primeiro semestre de 2021. Un plano que tamén desenvolveu o 2 de decembro ante o Parlamento Europeo.

O Executivo luso leva tempo a se preparar para, o vindeiro 1 de xaneiro, coller o testemuño de Alemaña. Posteriormente, o 1 de xullo pasarao a Eslovenia. Para este traballo e o que terá durante eses seis meses destináronse 23 millóns de euros en 2020 e reserváronse outros 41,3 para 2021 a conta do orzamento do Ministério dos Negócios Estrangeiros, segundo informou Público. 

Na conferencia en Lisboa, a súa primeira intervención a fondo sobre o tema, Costa centrouse na "verdadeira dicotomía" que hoxe atravesa a UE e que condiciona as súas opcións en todos os eidos. Isto é, entre continuar a ser, esencialmente, un "instrumento para xerar valor económico" ou, polo contrario, afirmarse como un grande espazo político e xeoestratéxico, asentado "en valores fundamentais".

A cuarta presidencia portuguesa da UE deberá xestionar a segunda fase da pandemia da Covid-19 ─e pode que terceira─, coa perspectiva ademais dun prolongamento dos efectos da crise económica. Segundo adiantou Lusa, serán cinco as grandes áreas neste semestre portugués: a Europa resiliente, social, verde, dixital e global. Neste sentido, a promoción dos valores de solidariedade, de converxencia e de cohesión serán chave.

Transición verde e dixital

En liña coas directrices marcadas por Ursula von der Leyen á fronte da presidencia da Comisión Europea, as transicións ecolóxica e dixital que están por vir centraron as intervencións de Costa nestas últimas semanas. "Convém não ignorarmos que estas transições têm custos económicos e sociais, porque implicam mutações efetivas", advertiu, aínda que se mostrou optimista e dixo que haberá "mais postos de trabalho criados do que aqueles que vão ser destruídos" neste proceso.

"Mas, seguramente, os [empregos] que irão aparecer não serão os mesmos dos que deixam de existir. E, porventura, não vão ser para as mesmas pessoas que ocupavam os postos de trabalho que serão destruídos", asumiu. Este conxunto de mudanzas, segundo o primeiro ministro, "gera uma profunda angústia e medo, fatores que têm sido pasto importante para florescer o populismo nas suas vertentes nacionalistas, xenófobas e iliberais".

"Se queremos combater com eficácia esta deriva populista temos de atacar o problema na sua raiz, reforçando a confiança das pessoas. Aí, a dimensão social da Europa é fundamental", sostivo. Para isto, afirmou, a UE debe reforzar a súa estratexia de capacitación da cidadanía, investindo máis en innovación para preservar a competitividade das empresas, en particular as pequenas e medianas.

"Mas temos também de reforçar a proteção social para garantir a todos que ninguém fica para trás nestes processos de transição climática e digital. O pilar social tem de ser uma base de confiança para se acelerarem as transições climática e digital", engadiu o primeiro ministro.

Outros retos

Máis polo miúdo, algúns outros dos temas que o Goberno de Portugal quere abordar inclúen a igualdade entre sexos e as políticas para evitar a discriminación, así como a pobreza e a exclusión social, pondo énfase na protección dos grupos máis vulnerábeis.

Tamén, aumentar a cooperación entre Estados membros na área de saúde, co fin de que haxa unha mellor e máis coordinada resposta ás ameazas sanitarias e para xestionar a distribución da vacina do coronavirus. 

Outros asuntos máis complexos inclúen facer fronte ao órdago de Polonia e Hungría polo reparto de fondos con base no respecto ao estado de dereito e a reforma migratoria. Sobre este último punto, a recente proposta da Comisión non convenceu os Estados en primeira liña, mentres que o resto se nega a unha relocalización dos inmigrantes e refuxiados. 

Neste sentido, a cooperación cos países de África será un dos principais epígrafes na axenda da presidencia portuguesa.

comentarios