Europa abeira xa o millón de contaxios

O Vello Continente é desde hai tempo o epicentro da pandemia da COVID-19. Nomeadamente, os países da UE e da contorna comunitaria, ademais do Reino Unido, concentran a maioría dos casos, que se achegan aos 900.000 segundo os datos Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC).
dpatop - 23 March 2020, Greece, Athens: A woman wearing face mask walks next to graffiti in the center of Athens, amid the coronavirus (COVID-19) global outbreak. Photo: -/Eurokinissi via ZUMA Wire/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

dpatop - 23 March 2020, Greece, Athens: A woman wearing face mask walks next to graffiti in the center of Athens, amid the coronavirus (COVID-19) global outbreak. Photo: -/Eurokinissi via ZUMA Wire/dpa

23/3/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Unha muller pasea polas rúas de Atenas, a capital grega, o pasado 23 de marzo (Eurokinissi)

"As vindeiras semanas serán críticas para Europa", advertiu nas últimas horas desde Copenhaguen, a capital de Dinamarca, Hans Kluge. O director rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o continente sinalou nunha intervención telemática: "Non se equivoquen, aínda que temos un tempo primaveral, continuamos no medio dunha tormenta".

Nos últimos dez días duplicouse o número de casos da COVID-19 nos países europeos até rozar o millón. Isto fai que sume 10% do total de contaxios a nivel mundial. Cómpre ter en conta que a oficina rexional da OMS para Europa inclúe países como Israel, Rusia ou Turquía. En total, son 53 Estados.

Dentro da Unión Europea, o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC, polas siglas en inglés) encárgase de contabilizar os casos dos países que fan parte do Espazo Económico Europeo (EEE) mais o Reino Unido. Isto é, canda o británico (que co Brexit abandonou o EEE), os 27 Estados da UE, mais Noruega, Islandia e Liechtenstein. 

Os casos de Suíza non se contabilizan xa que é un Estado membro da Asociación Europea de Libre Comercio (AELC), mais non fai parte do EEE.

Zonas comunitarias

Segundo os últimos datos facilitados polo ECDC, a data de 16 de abril, na zona UE/EEE mais Reino Unido rexistráronse 852.174 casos positivos de COVID-19, enfermidade que lle provocou a morte a 85.926 persoas. De sumar a estas cifras os últimos datos achegados polas autoridades suízas (26.592 e 1.281), o total na área UE/EEE/AELC mais Reino Unido sería de 878.766 persoas enfermas e 87.207 falecementos.

mapa

Os dez Estados con máis casos ─ sempre segundo os datos recollidos polo ECDC, e a data de 16 de abril─ son: España (177.633), Italia (165.155), Alemaña (130.450), Francia (106.206), Reino Unido (98.476), Bélxica (33.573), Países Baixos (28.153), Portugal (18.091), Austria (14.370) e Irlanda (12.547).

E os dez Estados con máis mortes son: Italia (21.647), España (18.579), Francia (17.167), Reino Unido (12.868), Bélxica (4.440), Alemaña (3.569), Países Baixos (3.134), Suecia (1.203), Portugal (599) e Irlanda (444).

500 fontes

Segundo informa o ECDC na súa páxina web, a recollida de datos faise en "base aos informes das autoridades sanitarias a nivel mundial" que regularmente envían actualizacións a través do Sistema de Alerta e Resposta Rápidas (EWRS), o Sistema Europeo de Vixilancia (TESSy) e a OMS. Ademais, complementa a súa información co "intercambio de emails con outros axentes internacionais" e a través da "análise diaria de 500 fontes para recoller cifras sobre a COVID-19 de 196 países".  

Non obstante, a contabilidade de casos e de mortes é un tema controvertido xa que cada Estado aplica os seus propios métodos, polo que a cifra real de persoas contaxiadas e falecidas pola COVID-19 é complicado de estipular con certeza. O criterio da OMS estabelece que todos os casos teñen que ser confirmados nun laboratorio e non unicamente a través das análises clínicas.

Comentarios