Europa renova os seus cargos

 Foron necesarios tres días de reunións e negociacións ininterrompidas a porta fechada e sen teléfonos móbiles para que os 28 xefes de Estado e de Goberno da Unión chegaran a un acordo sobre a repartición dos cargos de máxima responsabilidade da escena comunitaria. Foi o cumio máis longo da historia, que deu paso ao nomeamento de catro figuras controvertidas que botaron por terra o proceso de Spitzenkandidaten e consolidan o poder político e económico de Alemaña e Francia no seo da Unión Europea. Eis un extracto da información publicada no semanario en papel Sermos Galiza número 354.

f5_duplaInternacional
photo_camera Ursula von der Leyen.

m5_duplaInternacionalMalia que a designación das candidatas e dos candidatos a ocupar os cargos comunitarios máis relevantes aspiraba a contentar a todos os bloques políticos, os nomeamentos de Ursula von der Leyen como presidenta da Comisión Europea, de Christine Lagarde como presidenta do Banco Central Europeo, de Charles Michel como presidente do Consello de Europa e de Josep Borrell como Alto Representante para a Política Exterior da UE deixaron tras de si un regueiro de censuras.

Nin a repartición xeográfica, nin as persoas escollidas, nin o equilibrio de xénero logrou satisfacer a maioría, que ve na elección dos líderes do vello continente un intento de coartar a democracia interna da UE, de consolidar a súa dirección en mans dos gobernos estatais e de reforzar esa alianza recorrente entre Francia e Alemaña.

O leste non obtén nada. Os liberais entran na roda do poder da man de Charles Michel. E por primeira vez dúas mulleres acceden ás dúas institucións comunitarias con máis peso político e económico. As designacións de Von der Leyen e Lagarde como presidentas da Comisión Europea e do BCE, respectivamente, foron as máis discutidas. A elección da francesa resolveuse dentro do paquete político sen reparar nas esixencias técnicas do cargo mentres que o nomeamento da alemá ignorou o sistema dos Spitzenkandidaten, os candidatos líderes, un intento por democratizar e avanzar no parlamentarismo europeo que se estreou en 2014 e que procura que un eurodeputado presida a Comisión Europea grazas ao número de escanos da única institución da UE elixida por sufraxio universal.

Ursula von der Leyen, médica, 60 anos. Converterase na primeira muller en presidir a Comisión Europea se a Eurocámara ratifica o seu nomeamento. É a actual ministra de Defensa alemá. Non é eurodeputada, non foi nomeada polo Parlamento Europeo. A súa candidatura recibiu numerosas críticas entre os socios da coalición gobernante en Alemaña, que consideran a súa designación pouco lexítima fronte á do candidato principal, tamén conservador, Manfred Weber. Esa tería sido a decisión máis democrática, din.

Von der Leyen contou coa recomendación inicial de Macron e ten o apoio de Angela Merkel malia a ser a única dos 28 que se abstivo na votación da que saíu elixida polas diferenzas no seo da coalición de goberno.

A elección da ministra alemá viuse reforzada, ademais, polo aval de Hungría, Polonia, República Checa e Eslovaquia, contrarias ao nomeamento do socialista Frans Timmermans pola apertura de procesos contra Hungría e Polonia por violar o Estado de Dereito e ignorar os principios da UE; e incluso ao de Weber, que votou a favor da censura de Hungría no Parlamento Europeo e da suspensión de Viktor Orbán do Partido Popular Europeo.

Aínda que chega cuestionada polos líderes do seu país e en horas baixas pola súa xestión, por inflar o seu currículo e outorgar, supostamente, contratos millonarios irregulares; Ursula von der Leyen é unha política rexa, de longa traxectoria, que defende o reforzo do exército europeo e o aumento de contribucións á OTAN de até o 2%.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios