A Europa dos pobos dáse cita nunha manifestación pola autodeterminación en Bruxelas

Representantes de nacións sen estado de toda Europa participarán na manifestación que a International Commission of European Citizens (ICEC) organiza este domingo día 30 de marzo en Bruxelas. O obxectivo é mostrar a determinación da cidadanía na defensa da democracia a a autodeterminación a mes e medio das eleccións europeas. 

Cámara do Parlamento Europeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera parlamento europeo

Na delegación galega que participará na manifestación de Bruxelas atópanse a candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, o presidente do Centre M. Coppieters Xavier Macías mais a vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre, Ana Luísa Bouza, que no día seguinte participarán na asemblea xeral da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos.

Josi Juaristi cabeza de lista de Bildu, Quim Arrufat, deputado da CUP; Elisabet Nebreda, candidata na lista e da area internacional de ERC, o eurodeputado corso da ALE, Baúl Alfonsi, o presidente do CIEMEN Carles Riera confirmaron a asistencia a marcha na que tamén participarán representantes de organizacións catalás, escocesas, flamenca ou galesas. 

"A manifestación enmárcase na campaña desenvolvida polo ICEC pola que entregarán en distintas delegacións europeas de centos de milleiros de firmas recollidas por toda Europa" 

De maneira especial, desde Cataluña queren que a marcha supoña a “internacionalización” da celebración do referéndum sobre a independencia que está previsto para o 9 de novembro. Todas as organizacións favorábeis ao referendum apoian a mobilización para a que se habilitou unha páxina web informativa en catalán desde a que se organizaron saídas de autobuses con destino Bruxelas. 

Centos de milleiros de sinaturas

A manifestación enmárcase na campaña desenvolvida polo ICEC pola que entregarán en distintas delegacións europeas de centos de milleiros de firmas recollidas por toda Europa a favor da autodeterminación. “O feito de que millóns de europeos teñamos que encarar con dificultades e mesmo ameazas o querer exercer o dereito universal de autodeterminación”, din desde a organización da marcha, é un “agravio contra toda a cidadanía Europea, tamén Alemáns, tamén Finlandeses.... porque é en territorio Europeo que este dereito está a ser vulnerado”.  

No manifesto co que se promove a manifestación lémbrase que o dereito á autodeterminación está recollido na Carta das Nacións Unidas, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos ou na propia resolución 2625 da ONU, entre outros acordos internacionais. Destacan de maneira especial o ditame do Tribunal Internacional de Xustiza da Haia que recoñece que a legalidade non pode deter a “lexitimidade democrática e pacífica” da maioría social. 

A campaña quere deixar claro que as institucións europeas teñen obriga de garantir o cumprimento dos dereitos que subscribiron. 

Rede Mundial polos Dereitos dos Pobos 

"A campaña quere deixar claro que as institucións europeas teñen obriga de garantir o cumprimento dos dereitos que subscribiron". 

A delegación galega que asiste á manifestación do día 30 participará tamén a segunda feira día 31 no Parlamento europeo na asemblea da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da que a Fundación Galiza Sempre é cofundadora. Á xuntanza, ademais de representantes de organizacións nacionalistas de Córcega, Bretaña, Escocia, Euskal Herria, Gales, Cornualles,, Paises Cataláns, Kurdistán e o pobo Amazigh. 

Na Asemblea Xeral estarán tamén presente a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e as reivindicacións das nacións sen estado. A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos ten como obxectivo poñer en contacto os movementos políticos de nacións de todo o mundo para construír un fronte común en defensa dos seus dereitos a nivel internacional. 

Nesta xuntanza discutirase a posibilidade de “establecer unha estratexia conxunta de diplomacia pública internacional das Nacións sen estado, co obxectivo de intervir fronte a organismos internacionais como a UE e a ONU”. No horizonte do debate están os referendos de autodeterminación convocados en Escocia e Cataluña.

Comentarios