Europa lidera o novo récord semanal de contaxios de coronavirus a nivel mundial

"A preocupación é que as unidades de coidados intensivos dos hospitais se están a encher de xente moi enferma". É a advertencia feita pola portavoz da OMS na presentación do informe semanal sobre a pandemia da Covid, que ten en Rusia, Francia, España, o Reino Unido, e os Países Baixos os Estados coa maioría das novas infeccións.
EuropaPress_3390582_trabajadora_labores_desinfeccion_vagon_metro_moscu
photo_camera Operaria en labores de desinfección dun vagón do metro de Moscova, maior foco da Covid en Rusia (Evgeny Sinitsyn / Xinhua News)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) informou na pasada terza feira de que, na última semana, se detectara o maior número de novos casos de coronavirus a nivel mundial desde que estalou a pandemia, estabelecendo un novo récord con máis de 2,8 millóns de contaxios, con Europa á cabeza de novos positivos por segunda semana consecutiva, informan as axencias internacionais.

Estes datos representan "o intervalo máis curto para este aumento exponencial desde o comezo da pandemia", mentres que o número de falecementos "é comparábel ao das semanas anteriores", engadiu a organización no seu informe semanal.

Entre o 19 e o 25 de outubro detectáronse 2.884.604 novos positivos e 39.712 persoas perderon a vida por mor da enfermidade, o que supón un incremento de 16% no número de casos rexistrados con respecto á semana anterior e 8% da mortalidade.

Ademais, por segunda semana consecutiva, salienta a OMS, Europa rexistrou o maior crecemento da cifra de novos casos, con máis de 1,3 millóns ─un aumento de 33% respecto ao período anterior─, "contribuíndo con case a metade de todos os novos casos rexistrados en todo o mundo esta semana", 46% do total. Tamén o número de mortes continúa a aumentar na rexión, engadiu o organismo, cun incremento de 35%; isto é, case un terzo das novas mortes por coronavirus a nivel mundial.

Europa occidental

Margaret Harris, portavoz da organización, afirmou que Francia, España, o Reino Unido, os Países Baixos e Rusia rexistraron a maioría de novas infeccións. "A preocupación é que as unidades de coidados intensivos dos hospitais están comezando a encherse de xente moi enferma", advertiu.

Neste sentido, Italia viviu na madrugada da terza á cuarta feira outra noite de choques violentos e disturbios contra as restricións, horas despois do anuncio dun paquete de axudas de 5.400 millóns de euros por parte do primeiro ministro, Giuseppe Conte. Tras Nápoles, Milán e Turín, o escenario desta volta foi Roma, onde unha manifestación, en principio pacífica, derivou en enfrontamentos coas forzas da orde.

Tamén Francia se prepara para o peor, logo de bater un novo récord de mortes pola pandemia, 523 en só 24 horas, a cifra máis elevada desde abril. O Goberno planea estender os toques de queda xa vixentes en París e noutras grandes cidades a todo o país.

No Reino Unido, Nottingham sumarase hoxe ás cidades inglesas en máximo nivel de alerta, con bares fechados e fortes restricións que impiden as reunións sociais. Estas medidas xa afectan a case oito millóns de persoas.

Alemaña tamén tiña previsto anunciar na xornada de onte fortes restricións. A respecto dun posíbel confinamento, a chanceler alemá, Angela Merkel, aposta por un "suave", con limitación de contactos e prohibición de reunións públicas, segundo os medios locais.

En Rusia, o país máis afectado de Europa, o Goberno admitiu onte que a situación epidémica no país se está a complicar e que nalgunhas rexións a ocupación de camas hospitalarias destinadas a pacientes coa Covid supera o 95%.

Preocupación en Rusia

Rusia, que é a día de hoxe o cuarto país do mundo en número de positivos por coronavirus despois dos EUA, a India e o Brasil, rexistrou onte por segundo día consecutivo un récord de falecidos diarios, 346. A capital, Moscova, é o principal foco infeccioso do país con 409.022 casos e 6.578 falecementos acumulados.

Porén, malia esta repunta da epidemia nas últimas semanas, en que se duplicaron os contaxios diarios, o Goberno desbotou a adopción de medidas drásticas como o confinamento, o recoller obrigatorio ou a paralización dos sectores económicos.

Por detrás de Europa sitúanse os Estados Unidos e América Latina, con 884.318 infectados. En contraposición, o sueste asiático continúa a rexistrar unha diminución de casos e mortes, mentres que o Pacífico oeste tamén constatou unha baixada nos últimos sete días.

O número total dos casos do coronavirus no mundo achégase aos 44 millóns, cun total acumulado de 43.894.430, mentres que as mortes pola enfermidade superan os 1,15 millóns. 

Melbourne baixa o número de contaxios a case cero tras un inverno de confinamento 

Tras todo o inverno mais o último mes ─primeiro da primavera─ baixo confinamento, a cidade de Melbourne, no Estado australiano de Victoria, regresou á actividade social e económica. A volta á 'normalidade' chega despois de que nos 14 días previos tan só se rexistrasen dous casos e dúas mortes pola Covid-19.

Victoria foi o epicentro da segunda vaga en Australia, cun surto que chegou a superar os 700 casos no mes de agosto. Isto levou a un estrito confinamento domiciliario. Mais a pasada terza feira todas as tendas, bares e restaurantes puideron reabrir. Mantense, iso si, o uso obrigatorio de máscaras entre outras medidas. Os críticos co duro e longo confinamento cren que a perda de empregos destes meses e as consecuencias para a saúde mental son un prezo demasiado alto a pagar.

Comentarios