Europa comeza a abrir as súas portas tras semanas de confinamento sanitario

O número diario de contaxios en Europa comeza a descender paulatinamente. Nos países menos afectados estanse a  tomar as primeiras medidas importantes de cara ao progresivo final da corentena. Porén, permanecen as cautelas a un posíbel rebrote nun continente que acumula dous terzos das mortes por COVID-19 do mundo. 
April 17, 2020 - Berlin, Germany: A family relaxes in front of the Reichstag (German Parliament) and kids do cartwheels during the coronavirus pandemic. As the rate of new infections nationwide continues to slow, the German government is seeking to establish and implement a roadmap for easing restrictions on public life and the impact the virus is having on the economy. So far there are over 130,000 cases of confirmed infections of Covid 19 in Germany, over 3,000 people have died and about 57,000 people recovered. (Hermann Bredehorst / Contacto)
ONLY FOR USE IN SPAIN

April 17, 2020 - Berlin, Germany: A family relaxes in front of the Reichstag (German Parliament) and kids do cartwheels during the coronavirus pandemic. As the rate of new infections nationwide continues to slow, the German government is seeking to establish and implement a roadmap for easing restrictions on public life and the impact the virus is having on the economy. So far there are over 130,000 cases of confirmed infections of Covid 19 in Germany, over 3,000 people have died and about 57,000 people recovered. (Hermann Bredehorst / Contacto)

17/4/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Unha familia diante do Reichstag, sede do Parlamento alemán, en Berlín na pasada sexta feira (Polaris)

"O levantamento das medidas restritivas do confinamento non significa a fin da epidemia; é só o comezo da seguinte fase". Tedros Adhanom, director xeral da OMS, advertía este domingo, durante unha xuntanza do G-20, que "é vital que os países eduquen, impliquen e capaciten os seus pobos para previr e responder con rapidez ante calquera rexurdimento".

As palabras de Tedros chegaban poucas horas antes de que en Europa, países como Alemaña, Noruega, Polonia ou a República Checa desen pasos significativos na saída da corentena. 

Así, desde onte, en Alemaña están abertos os comercios de menos de 800 metros cadrados, os concesionarios de coches, as tendas de bicicletas e as librarías. Seguen fechadas as grandes superficies, ximnasios e bares e restaurantes. Con perto de 150.000 casos e máis de 4.500 mortes, a pandemia está "baixo control e é xestionábel", declarou o ministro de Sanidade, Jens Spahn.

En Noruega tamén abriron onte as gardarías e algunhas especialidades médicas. Na vindeira segunda feira farano institutos e universidades de maneira parcial, así como salóns de peiteado e de beleza. Ademais, desde onte, as autoridades levantaron a prohibición de instalarse en segundas vivendas fóra do lugar de empadroamento.

En Polonia, abríronse os parques e os espazos naturais, e o Goberno aumentou o límite máximo de persoas que poden comprar nunha tenda ao mesmo tempo. 

Na República Checa, o plan de saída do confinamento está estruturado en cinco fases e deu comezo onte coa apertura dos mercados ao aire libre e dos centros de traballo. Estenderase até o 8 de xuño. Ademais, a cidadanía pode agora viaxar ao estranxeiro, aínda que deberá someterse á corentena de dúas semanas ao seu regreso.

Varias semanas máis

Na outra cara da moeda están algúns dos Estados europeos máis afectados pola pandemia da COVID-19, como son Italia, Francia, España ou o Reino Unido

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, actualmente en proceso de recuperación da COVID-19, avogou polo mantemento da corentena por máis tempo, segundo publicou onte The Times. Johnson defendeu esta postura ─que contrasta coa que mantiña ao comezo da pandemia─ durante a última xuntanza do seu Consello ministerial, "no medio das crecentes tensións no Gabinete sobre cando levantar as restricións". 

O premier manifestou que un rexurdimento do pico de contaxios "causará un gran dano á saúde e á economía", maior que o que pode provocar o confinamento, no que está o país desde o 23 de marzo.

O seu homólogo francés, Edouard Philippe, sinalou que "a situación vai mellorando gradualmente", mais aínda "non estamos fóra da crise sanitaria". Francia ten a intención de reabrir as escolas o 11 de maio, mais tamén apunta a unha saída paulatina do confinamento. 

O presidente Emmanuel Macron anunciou a semana pasada que as escolas comezaranse a abrir de novo a partir do 11 de maio, aínda que se barallan varias opcións, como rotar metade do alumnado ou en función do número de contaxios por territorios. Francia decretou o confinamento o 17 de marzo.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou nesta fin de semana que a partir do 27 de abril os menores de 12 anos poderán, de forma limitada no tempo, saír das casas onde permanecen confinados desde o 14 de marzo. Ademais, estendeu o estado de alarma até o 9 de maio. 

Sánchez na súa intervención do sábado insistiu varias veces en que a sociedade se debe preparar para unha "nova normalidade". Unha expresión que coincide coa manifestada onte polo ex primeiro ministro británico Tony Blair nun comunicado publicado na web da súa organización, a Tony Blair Institute for Global Change. "A normalidade á que regresemos será unha nova normalidade", apuntou.

E en Italia, o primeiro ministro, Giuseppe Conte, asegurou nun comunicado colgado na súa conta de Facebook que, malia as presións dos líderes rexionais, o Goberno non mudará a súa folla de ruta. Isto é, non comezará a levantar as restricións antes do 4 de maio. As librarías e papelarías, así como as lavandarías comezaron a reabrir nalgunhas rexións, e nos vindeiros días Conte presentará a súa estratexia a nivel estatal.

50% dos contaxios

O continente europeo, segundo os últimos datos recollidos polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC, polas siglas en inglés), acumula arredor da metade dos casos da COVID-19 a nivel mundial e dous terzos das mortes. 

Os Estados con máis contaxios son, por orde, España, Italia, Alemaña, Reino Unido e Francia; e con máis mortes, Italia, España, Francia, Reino Unido e Bélxica.

Comentarios