Europa clama contra a austeridade e as políticas neoliberais

Un cento de cidades e vilas europeas acolleron masivas mobilizacións ao berro de "Fóra a Troika". Na Galiza, A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense, Compostela e A Mariña uníronse á convocatoria que clamaba polos "pobos de Europa"

photo_camera Manifestación en Vigo

Lisboa foi o epicentro da convocatoria. O país veciño, no que xermolou o movemento Que se lixe a Troika acolleu a manifestación máis concorrida. Porén, un cento de capitais, cidades e vilas de toda Europa uníronse ao berro do pobo portugués para exixir un xiro nas políticas dos seus gobernos.

Ao berro de "Fóra a Troika" unha maré cidadá saiu á rúa para denunciar o austericidio das políticas neoliberais promovidas polas insitucións internacionais que dirixen o futuro da Europa. 

Fondo Monetario Internaciona, Banco Central Europeo e Comisión europea son os tres pés dun mesmo banco: a Troika, esa hidra de tres cabezas da que emanan as políticas de recortes e axustes que conforman os memorando de entendemento ou Pactos de Agressão (como se coñece en Portugal). 

Sen manifesto de convocatoria, para alén da carraxe partillada, mais cun mesmo obxectivo, milleiros de persoas denunciaron as consecuencias sociais dos axustes e da manida austeridade. Aliás, exixiron aos seus gobernos que "nun tempo en que se di que os vellos non teñen lugar e os novos non teñen futuro", aseverou a Coordenadora do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, desde Lisboa se escoite aos pobos que claman polos seus dereitos. 

Na Galiza, milleiros percorreron as rúas das cinco cidades do país, ás que se sumou en Ribadeo unha concentración da que tomaron parte ducias de persoas. @s manifestantes entoaron consignas durante todo o percorrido coas que quixeron enfatizar o carácter sistémico da crise mais, tamén, "o roubo" e a "estafa" que esta supón para as maiorías sociais que ven atinxidos polas políticas neoliberais os dereitos conquistados. 

Comentarios