O Eurogrupo mobiliza 540.000 millóns mais aparca os eurobonos

A última hora da quinta feira os ministros de Economía e Finanzas da eurozona chegaban a un acordo para mobilizaren 540.000 millóns de euros en empréstitos e para pór en marcha a medio prazo un plan de impulso da economía. Porén, decidiron aparcar os eurobonos.

O portugués Mário Centeno é o presidente do Eurogrupo (Imaxe: Michael Kappeler/dpa)
photo_camera O portugués Mário Centeno é o presidente do Eurogrupo (Imaxe: Michael Kappeler/dpa)

Non haberá eurobonos. A petición do Estado español, Italia ou Francia decaeu do acordo ao que chegaron na noite da quinta feira os ministros de Economía e Finanzas da eurozona, que deron luz verde a mobilizar 540.000 millóns de euros en empréstitos após días de negociacións frustradas.

En virtude do acordo, o fondo europeo de rescates outorgará até 240.000 millóns en liñas de crédito aos Estados membros (cada país que recorra a el obterá un empréstito equivalente ao 2% do seu PIB, co cal o Estado español podería utilizar uns 25.000 millóns); o Banco Europeo mobilizará 200.000 millóns e o fondo contra o desemprego porá a disposición dos Gobernos outros 100.000 millóns.

O Eurogrupo logrou este pacto sobre a base dun documento previo pactado entre Francia, Alemaña, o Estado español, Italia e os Países Baixos. O texto acordado estabelece como requirimento para acceder aos fondos que se destinen a financiar custos sanitarios relacionados co coronavirus.

Non se fai mención ningunha á emisión da débeda conxunta que reclamaban o Estado español, Francia e Italia.

A vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Estado español, Nadia Calviño, asegurou acoller “con satisfacción” o “bon acordo” alcanzado para mobilizar ese medio billón de euros. Porén, advertiu de que o Goberno español seguirá traballando para conseguir un mecanismo de mutualización da débeda, o que se coñece como eurobonos ou coronabonos.

Comentarios