O Eurogrupo escolle ao irlandés Donohoe fronte a Calviño

Pese a partir como favorita para presidir a institución, a vicepresidenta económica acadou menos apoios que o ministro irlandés de Finanzas na segunda volta.
Paschal Donohoe, ministro de Finanzas irlandés (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Paschal Donohoe, ministro de Finanzas irlandés (Imaxe: Europa Press).

A ministra de Economía e vicepresidenta do Estado, a coruñesa Nadia Calviño, partía como favorita para gañar a votación que onte escolleu a presidencia do Eurogrupo. Calviño chegou á votación cos apoios na mochila de España, Italia, Francia, Portugal, Alemaña, Grecia e Finlandia. Mais este visto e prace que incluía as tres maiores economías da moeda común non abondou.

Cada Estado membro, independentemente do seu tamaño e peso económico, contou cun único voto. Para lograr o obxectivo, a persoa vencedora necesitaba asegurar o apoio de polo menos 10 dos 19 países que forman parte do Eurogrupo. E na segunda volta, o candidato irlandés, o ministro de Finanzas Paschal Donohoe, superou en apoios Calviño. Donohoe asumirá o posto o vindeiro 12 de xullo, cun mandato de dous anos e medio.

A través da rede social Twitter, o irlandés agradeceu a confianza depositada nel e prometeu acadar unha recuperación económica "xusta e inclusiva" durante o seu mandato. Donohoe asegurou que agarda "traballar con todos os meus colegas do Eurogrupo" para alcanzar esa meta "mentres nos enfrontamos aos retos con determinación".

Calviño parabenizou o vencedor na mesma rede, nunha mensaxe na que transmitiu a súa confianza en "seguir traballando xuntos para asegurar unha recuperación sólida que non deixe ninguén atrás". A vicepresidenta económica aproveitou a ocasión para agradecer o "apoio" que, afirma, sentiu nestes días. "Das forzas políticas e dos axentes sociais. De tantos amigos e tamén de cidadáns anónimos", asegurou. 

En concreto, Calviño aludiu ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, valorando a súa "plena implicación e apoio".Tamén o candidato luxemburgués, Pierre Gramegna, quen se retirou na primeira rolda, felicitou o novo presidente do Eurogrupo, desexándolle "todo o mellor" durante o seu mandato.

Cuarto presidente

O Eurogrupo, un organismo informal creado en 1998, conta con Presidencias fixas desde que Jean-Claude Juncker asumiu o cargo en 2005. O luxemburgués foi sucedido posteriormente polo holandés Jeroen Dijsselbloem, na presidencia até 2018, e polo portugués Mario Centeno, até 2020. 
 

Comentarios