O eurodeputado do PSOE López Aguilar, investigado por violencia machista

Prestará declaración no Supremo após unha denuncia policial de malos tratos. O PSOE apartou das súas funcións ao ex-ministro. 

López Aguilar
photo_camera López Aguilar [Imaxe PSOE]

Esta terza feira (7 de abril) o ex-ministro do PSOE e eurodeputado, Juan Fernando López Aguilar, declarará perante o Tribunal Supremo nun proceso xudicial por violencia machista. 

López Aguilar foi denunciado pola policía após alertar a veciñanza próxima ao domicilio familiar de teren escoitado durante "anos", "voces, berros e pelexas", segundo recolle a Cadena Ser. 

Neste senso, e logo das pesquisas policiais, os xulgados de Gran Canaria coidou que existen "indicios" suficientes para iniciar un proceso xudicial contra o ex-ministro de José Luís Rodríguez Zapatero que prestará declaración en calidade de testemuña. Na xornada de onte (6 de abril) xa o fixo a súa ex-compañeira quen confirmou, xunto coa súa irmá, os episodios de violencia. 

Así pois, o tribunal grancanario cursou unha petición ao Tribunal Supremo debido á condición de aforado de López Aguilar --eurodeputado en Bruxelas. Aliás, ofreceu á ex-compañeira unha orde de afastamento que rexeitou. Porén, si aceptou unha orde de cesamento das comunicacións

"Unha vez estaba bañando as crianzas e Juan Fernando golpeouna na cabeza cunha palangana", afirma unha das testemuñas

Dos testemuños recollidos pola xustiza derívanse dous episodios de agresión física que foron narrados por familiares da ex-compañeira de López Aguilar. "Unha vez estaba bañando as crianzas e Juan Fernando, achegándose polas costas, agarrouna por detrás pola cara e o pescozo e golpeouna na cabeza cunha palangana", recolle a Cadena Ser

Pola súa banda, o ex-ministro español nega os feitos e afirma que está a ser obxecto dunha "denuncia falsa" enmarcada nun "doloroso" divorcio. No entanto, a denuncia non partiu da ex-compañeira senón dunha investigación policial. 

O pasado mes de xaneiro un dos fillos xa presentara unha denuncia por violencia machista que retirou ao día seguinte. 

Desde o PSOE informaron na xornada de onte que a Comisión de Garantías está a estudar o caso e que podería dar de baixa a López Aguilar como militante e expulsalo da formación de ser condenado. O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, non se pronunciou ao respeito, até o momento. 

Ferraz apártao do Parlamento europeo

López Aguilar solicitou a súa baixa cautelar como militante socialista. Porén, desde Ferraz decidiron finalmente suspender a súa actividade como europarlamentar. Neste senso, ordenaron a súa saída do grupo en Bruxelas. 

Comentarios