A Eurocámara exixe máis investimento á Comisión

O Parlamento solicita dous billóns para o esperado plan do Executivo, que xa estaba previsto para o 6 de maio. Por outra banda, o Tribunal de Xustiza da UE emitiu unha sentenza contra Hungría.
von_der_leyen
photo_camera Von der Leyen convocou unha reunión extraordinaria para hoxe (Etienne Ansotte / dpa)

O Parlamento Europeo ten previsto aprobar hoxe unha resolución coa que busca aumentar a presión sobre a Comisión Europea ante a presentación da súa proposta do Fondo de Recuperación, que xa acumula varios atrasos. A primeira data prevista era o 6 de maio e agárdase que finalmente vexa a luz a vindeira semana. 

Neste sentido, a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, convocou tamén para hoxe unha xuntanza extraordinaria. Na súa intervención na cuarta feira ante a Cámara, asegurou que o plan permitirá "axudas directas" e centrarase en tres aspectos básicos: investimento, solvencia e sanidade e que poderá comezar este mesmo ano.

Con todo, Von der Leyen non precisou a canto ascenderá a cantidade final, ni que parte irá destinada a transferencias e cal a créditos a devolver.

Dous billóns de euros

Os cinco principais partidos da Eurocámara ─socialistas, populares, liberais, verdes e conservadores, unha maioría de 80%─ uníronse para asinar unha resolución onde solicitan un fondo de dous billóns de euros (arredor de 14% do PIB da UE) a pór en marcha neste ano.

Ademais, piden que careza de condicionalidade ─sempre que o país perceptor combata a evasión fiscal e o branqueo de capitais, e cumpra cos valores da UE─. 

Tamén, que os recursos que reciba cada Estado sexan maioritariamente subvencións a fondo perdido, tal e como piden os membros do Sur, aínda que unha parte se poida formalizar como préstamos, que é o que reclaman os do Norte para todo o conxunto da actuación billonaria.

A resolución que será aprobada hoxe exixe ao Executivo comunitario que se afaste dos mecanismos de enxeñaría financeira, eses que permiten estabelecer un orzamento alto en previsión de cálculos de multiplicación posteriores. 

A Eurocámara tamén advirte contra o deseño dun fondo que vaia en detrimento do Marco Financeiro Plurianual (MFP), os orzamentos europeos, e lembra á Comisión debe contar co Lexislativo e que o Parlamento debe dar o seu consentimento ao MFP.

Sentenza contra Hungría

Por outra banda, o Tribunal de Xustiza da UE sentenciou onte que Hungría mantén detidos ilegalmente solicitantes de asilo na zona de tránsito da súa fronteira sur con Serbia, e exixiu a posta en liberdade destas persoas, xa que a súa retención vai en contra do dereito da UE.

En concreto, a sentenza examina o caso de cidadáns afgáns e iranianos, demandantes de asilo, que permanecen nunha zona de tránsito na fronteira serbo-húngara. Estas persoas chegaron a esta situación tras lles ser denegado o asilo en Hungría, e Serbia negarse a readmitilos.

Comentarios