A Eurocámara aproba por ampla maioría o orzamento da UE para o período 2021-27

Por outra banda, Londres e Bruxelas chegaron a un acordo en materia de competencia, unha das principais eivas par chegar a un acordo antes do 31 de decembro.
sassoli_parlamento
photo_camera O presidente da Eurocámara, David Sassoli, nunha foto de arquivo (Foto: Daina Le Lardic / dpa)

O Pleno do Parlamento Europeo deu hoxe luz verde ao orzamento comunitario para o período entre 2021 e 2027, dotado con 1,074 billóns de euros, que se desbloqueou a semana pasada despois de Hungría e Polonia recibiren garantías sobre como se vincularán os fondos ao cumprimento do estado de dereito.

O orzamento plurianual contou con 548 votos a favor, 81 en contra e 66 abstención. A regulación inclúe tamén unha folla de ruta para a introdución de novos recursos propios de cara a alimentar o chamado marco financeiro plurianual da UE.

Esta dupla aprobación deixa o camiño expedito para que os Estados membros inicien a ratificación nos seus parlamentos da lexislación que permitirá á Comisión Europea emitir débeda e financiar o fondo de reconstrución pos-pandemia, que ascende a 750.000 millóns de euros e non require da aprobación do Parlamento Europeo.

Bruxelas calcula que o diñeiro non chegará aos Estados polo menos até xuño de 2021 porque, unha vez ratificado o fondo, terá que emitir a débeda para financialo e aprobar os plans de recuperación a nivel estatal.

Lixeiros incrementos 

Tras dous meses de longas negociacións entre a presidencia alemá do Consello e os negociadores do Parlamento Europeo, o acordo final contempla varios incrementos fronte ás cifras que acordaran os Estados membros na histórica reunión de xullo.

En concreto, trátase de aumentos de 16.000 millóns de euros para programas como o Erasmus (2.200 millóns máis), o de ciencia e investigación Horizonte (4.000 millóns), os de xestión de fronteiras (1.500 millóns) ou o programa de saúde Health4EU (600 millóns), entre outros.

O incremento, reclamado polo Parlamento para engrosar programas que consideran clave, fica por baixo dos 39.000 millóns que pedían na última proposta, mais é superior aos perto de 10.000 millóns que ofrecera o Consello Europeo inicialmente.

Relacións RU-UE

Por outra banda, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, sinalou onte que malia as dificultades para lograr a tempo un acordo co Reino Unido que evite un Brexit duro dentro de dúas semanas cre que os últimos contactos abriron un camiño cara ao acordo que, aínda que "é estreito, está aí".

Nas últimas horas Bruxelas e Londres lograron pactar unha das principais eivas para o acordo, un mecanismo que garantirá a adopción de represalias comerciais se unha das partes entra en competencia desleal.

Comentarios