Os EUA ven "insultante" a proposta de Beijing de distensión entre Pyongyang e Washington

China, como Rusia, propón que Pyongyang envíe ao faiado o seu programa nuclear en troca de que Washington e Seúl cesen nas súas manobras militares conxuntas. Sería un quid pro quo. Mais a proposta está lonxe de contar co aval dos EUA. A súa embaixadora perante Nacións Unidas, Nikki Haley, cualificouna de "insultante".

 

Screen Shot 2017-09-04 at 17.40.47
photo_camera Nikki Haley, embaixadora dos EUA perante Nacións Unidas

Corea é un asunto na práctica de política interior para China e Beijing olla con enorme preocupación a escalada de tensión entre Pyongyang e Washington. A diplomacia chinesa, con Moscova como aliada, manobrou días atrás para o Consello de Seguranza non impor novas sancións á administración norcoreana após un mísil da República Democrática Popular ter sobrevoado territorio xaponés. Mais a tensión está moi lonxe de decrecer e esta segunda feira a embaixadora dos EUA perante Nacións Unidas, Nikki Haley, deitou máis achas ao lume ao bater non só contra o goberno de Kim Jong-un -todo un clásico-, senón tamén ao dirixir calculadas andanadas dialécticas a Beijing.

De Kim Jong-un a embaixadora norteamericana dixo que "anda a procurar a guerra", ao tempo que cualificou de "insultante" a proposta de pacificación formulada por Beijing -co apoio ruso-, consistente nunha especie de desarmamento simultáneo: Pyongyang debería pór ponto final ao lanzamento de míseis e, como contrapartida, norteamericanos e sul-coreanos deberían deixar de realizar manobras militares conxuntas [China ve a presenza de tropas dos EUA na península como unha ameaza permanente á súa seguranza e como un freo ao seu desexo de xogar un papel aínda máis protagonista na rexión].

Sobre a proposta chinesa, Haley afirmou: "Cando un réxime ilexítimo ten a arma nuclear e un mísil intercontinental te está a apontar, o que non fas é dar pasos para baixar a túa garda. Ninguén faría iso. Nós desde logo non o faremos".

A intervención de Haley no Consello de Seguranza produciuse no curso dunha reunión do máximo órgao da ONU convocada a petición de Estados Unidos, Reino Unido, Franza, Xapón e Corea do Sul para dar resposta ao novo test militar de Pyongyang, a detonación dunha bomba de hidróxeno que eventualmente podería ser miniaturizada para o seu acoplamento nun mísil de alcance inter-continental.

A vía de pacificación apadriñada por Beijing, con todo, é a única formulada até o de agora para distender unha crise que vai camiño de se enquistar. Washington inclínase, entre tanto, por endurecer o capítulo de sancións económicas a Pyongyang. Algunhas fontes citadas por The Guardian indican que os EUA manexan a hipótese dun bloqueo petrolífero que afogase a economía norcoreana.

O cenario militar en principio non se contempla, entre outras cousas polo sismo que podería producir en China (segundo o Tratado de amizade, cooperación e asistencia mutua de 1961, Beijing tería que responder perante calquera ataque a territorio norcoreano). Porén, Haley deslizou unha frase que evocou os rexistos máis belicosos de Trump: "A guerra é algo que os EUA nunca queren. Non a queremos agora. Mais a nosa paciencia como país non é ilimitada".

Comentarios