EUA ve a man rusa detrás do derrubamento do avión malasio e Moscova apunta a Kiev

A cifra de mortos ascende a 298 persoas e todo apunta a que foi un mísil a causa do sinistro.

Imaxe do avión sinistrado en Donetsk_Eyewitness
photo_camera Imaxe do avión sinistrado en Donetsk [Eyewitness tirada de RT.com]

 

O avión sinistrado esta quinta feira (17 de xullo) no leste da Ucraína tería sido derrubado por un mísil mentres sobrevoaba a espazo aéreo ucraíno. Así o aseguran os EUA e Rusia que, no entanto, non concordan na procedencia do mesmo. 

A administración Obama olla para o Kremlin e ve a man rusa detrás do derrubamento do avión mentres o goberno de Putin afirma que o proxectil proviría das forzas militares ucraínas e responsabiliza o executivo ucraíno do acontecido. 

"Sen dúbida o Estado sobre cuxo territorio sucedeu isto, ten a responsabilidade por esta horríbel traxedia". Para o mandatario ruso "de haber paz" na Ucraína "non tería acontecido". 

Kiev e as milicias prorrusas lanzan acusacións mutuas mentres os EUA acusan o goberno de Putin de ter algo a ver co sinistro

Pola súa banda, desde Kiev e as milicias rebeldes lánzanse acusacións entre elas. O goberno ucraíno afirma que o proxectil foi lanzado cun sistema de mísis Buk xerido polas forzas prorrusas mais @s insurxentes coidan que foi un avión caza das Forzas Aéreas ucraínas que operaba en Donetsk o autor do disparo. 

Nunha canle de Youtube un vídeo pendurado polo Servizo de Seguridade da Ucraína (SBU nas súas siglas en ucraíno) as autoridades de Kiev aseguran ter interceptado unha conversa entre mandos rebeldes en que informan da intercepción, por erro, dun avión comercial. Porén, nengunha fonte independente ten certificado a veracidade do documento sonoro. 

Desde as institucións internacionais demandan o inicio dunha investigación independente. Neste senso, os EUA reclamaron o cesamento ao fogo sobre o terreo para recuperar os restos mortais. As forzas prorrusas aseguraron que garantirían a seguranza da OSCE (Organización de Seguridade e Co-operación en Europa). 

Segundo os dados fornecidos pola compañía Malaysian Airlines, a cifra de mort@s ascende a 298 persoas, a maior parte de nacionalidade holandesa, aínda que no voo tamén viaxaban malasi@s, australian@s, indonesi@s, británic@s, belgas, alemás e doutros países.

Comentarios