EUA-UE: un Tratado de Libre Comercio baixo sospeita

Pouco ou nada se sabe do avanzo nas negociacións entre EUA e a Unión Europea en relación ao Tratado de Libre Comercio que prevén aprobar este mesmo ano. Un acordo que suporía graves prexuízos sociais, medioambientais, laborais e democráticos.

TLC
photo_camera [Imaxe: Comisión europea]

A primeira vez que se falou publicamente dunha negociación entre os EUA e as institucións europeas en relación ao comercio foi en febreiro de 2013. Naquela altura o presidente estadounidense, Barack Obama, pronunciaba no seu discurso de investidura unhas verbas que presaxiaban que algo estaba a acontecer. "O comercio libre e xusto dun e doutro lado do Atlántico sustentará millóns de empregos estadounidenses".

Obama anunciaba así o que poucas persoas entre as dúas bandas do océano sabían. Representantes da súa administración e da Comisión europea negociaban en segredo a sinatura dun acordo bilateral encamiñado a liberalizar o comercio entre ambos os dous bloques económicos.

Unha negociación suxeita ao máis estrito segredismo e cun grao de confidencialidade que excede mesmo a lexislación europea. O encargado de representar a UE, Ignacio García Bercero, afirmou mesmo que as conversas arredor do TTIP --nas súas siglas en inglés-- suporían unha "excepción á regra" e que algúns dos documentos relacionados con el ficarían en segredo alomenos por tres décadas.

O comisario europeo nas negociacións asegurou que algúns dos documentos sobre o Tratado de Libre Comercio non se farían públicos en 30 anos

Neste ambiente escurantista e desde xuño de 2013 os Estados Unidos e a Unión debaten --xunto coas grandes corporacións transnacionais-- as condicións dun acordo comercial bilateral que dará unha volta de porca ao proceso de liberalización e privatización comercial entre os dous lados do Atlántico.

Do seu contido pouco ou nada se sabe, agás por algúns documentos --na súa maioría borradores-- que foron filtrados, mais dos que se desprende o cerne do que os gobernos estadounidense e comunitario están a artellar.

Un golpe á soberanía popular para beneficio das grandes corporacións

O acordo, que podería ser aprobado este mesmo ano logo de se constituír o Parlamento europeo (o 1 de xullo), atinxe a práctica totalidade dos sectores económicos (agricultura, enerxía...) e suporá consecuencias directas en relación ás condicións de traballo, dereitos medioambientais e servizos como a sanidade.

O que está riba da mesa entre Bruxelas e Washington é a flexibilización das barreiras arancelarias entre os dos bloques. Mais que no concreto suporá facilitar en termos administrativos o intercambio de bens e servizos. Para iso reduciranse estándares medioambientais, sociais e laborais ao tempo que aumentan os privilexios das grandes empresas transnacionais e o seu poder face os Estados. Niso consiste calquera Tratado de Libre Comercio --unha ferramenta que os EUA coñecen ben e que asinaron xa, por exemplo, con Canadá e México no TLCAN.

O acordo visa facilitar o intercambio de bens e servizos entre EUA e a UE para o que se reducirán estándares medioambientais, sociais e laborais

O punto máis quente do TLC que prevén asinar os EUA e a Unión europea sitúase no mecanismo que negocian en relación á resolución de controversias entre investidor e Estado. De acordo cos documentos coñecidos até o momento as entidades ficarían á marxe da xustiza ordinaria e poderían acudir de maneira directa a tribunais internacionais de arbitraxe, organismos constituídos en non poucos casos por avogad@s das propias empresas.

No concreto isto suporá reforzar a posición das grandes empresas cando se querelen contra un Estado por razóns lexislativas. Algo semellante ao que aconteceu con Australia e a tabaqueira Phillip Morris a quen as administracións tiveron que indemnizar após endureceren a lexislación anti-tabaco.

A decisión non é casual se ollamos a algún dos interlocutores no proceso de negociación. O estadounidense Michael Froman, foi cargo en compañías de investimento financeiro e mesmo director xeral do Citigroup en Estados Unidos.

O texto que se está a negociar constitúe un dos documentos máis importantes para a ideoloxía neoliberal

O texto que se está a negociar constitúe un dos documentos máis importantes para a ideoloxía neoliberal desde que se asinou o consenso de Washington alá polo 1988 e sacia, en boa medida, a fame dos grandes oligopolios ianquis que ven no chamado estado de benestar europeo unha importante fonte de gaños. Ao tempo, que fará fraquear algúns aspectos restritivos da normativa europea como o principio de precaución medioambiental que rexe a lexislación comunitaria.

A carne de vacún estadounidense, hormonada, ten até o momento fechadas as portas da UE perante os riscos que supón para a saúde das persoas. A aprobación do TLC podería pór fin a isto.

Após remataren a rolda de negociacións, será o novo Parlamento europeo --aínda con maioría liberal e socialdemócrata-- de quen dependa a ratificación dun texto ao que nen sequer terá acceso até a hora de votar. Un documento que malia representar un perigo para a sociedade, esta nen sequer ten constancia diso.

Comentarios