SEGUNDO DENUNCIA IHS JANE

Os EUA seguen a enviar armas a grupos terroristas que operan en Siria

O Instituto Británico de Defensa IHS Jane denuncia movementos do Federal Business Opportunities que ratifican que Washington segue a enviarlles armas a Al Qaeda e a outros grupos terroristas que operan en Siria.

siria
photo_camera [Imaxe: wikipedia]

No portal federal estadounidense Federal Business Opportunities hai dúas solicitudes para o transporte de armas desde Romanía até Xordania, onde serían recollidas por terroristas que operan en Siria. Así o denuncia o Instituto Británico de Defensa IHS Jane.

A entidade británica advirte de que estas dúas solicitudes a nome do Comando de Transporte Marítimo Militar da Mariña dos EUA atinxen a dous barcos que partiron de Romanía cara a Turquía para chegar despois a Xordania.

Un barco partiu en decembro e outro en marzo

Un dos buques partiu en decembro de 2015 e portaría mil toneladas de armas e municións, entre elas rifles AK-47, ametralladoras PKM, ametralladoras pesadas DShK ou lanzachamas. O outro buque partiu a finais de marzo con máis de dúas mil toneladas de armamento, segundo informa IHS Jane. O instituto británico teme que as armas teñan como destinataria a Fronte Al Nusra.

Balanzo de vítimas e feridas en Siria

O balanzo de danos após os últimos cinco anos de conflito armado en Siria son os seguintes: entre 366.000 e 470.000 persoas falecidas, 1,8 millóns de feridas, 7,6 millóns de desprazados internos e 5 millóns de refuxiados.

[No último número do semanario Sermos Galiza publicamos unha ampla reportaxe sobre os cinco anos de guerra en Siria e en Libia. Xa á venda nos quioscos e na loxa]

Comentarios