EUA segue adiante cos plans de ataque contra Siria malia o rexeitamento do CSNU

A portavoz do Goberno estadounidense, Marie Harf, asegurou esta cuarta feira non precisar unha autorización das Nacións Unidas para atacar Siria. As declaracións de Harf producíronse após a xuntanza do Consello de Seguridade da ONU no que Rusia e China mantiveron o seu veto a unha ofensiva militar estranxeira

Barack Obama
photo_camera Barack Obama

A administración Obama avanza decidida contra Siria. Após unha tensa xuntanza dos membros permanentes do CSNU en que Rusia e China reiteraron a súa oposición ao lanzamento dunha ofensiva militar por parte de forzas estranxeiras, a portavoz do goberno estadounidense, Marie Harf, asegurou en declaracións á imprensa que os EUA non cren preciso contar coa autorización das Nacións Unidas para iniciaren unha intervención militar.

De facelo, constituirá unha violación do ordenamento xurídico internacional, a comezar pola Carta das Nacións Unidas --semellante ao desenvolvido na Libia (2011) ou oIraq (2003).

"Non hai perspectivas", afirmou Harf, "de facer algo proveitoso no Consello de Seguridade" perante a reiterada negativa rusa aos plans militares estadounidenses. 

As cinco forzas que con carácter permanente --e dereito a veto-- compoñen o órgano político das Nacións Unidas non acadaron finalmente un acordo a respeito da proposta de resolución presentada polo Reino Unido. Rusia e China abandonaron a sala de reunións antes mesmo de que esta rematara amosando o seu rexeitamento. 

Rusia e China abandonaron a sala de reunións antes de que a xuntanza do CSNU rematara

As chamadas á calma lanzadas por Ban Ki-Moon, secretario xeral da ONU, non foron escoitadas pola administración Obama e continúan a filtrarse dados do inminente ataque que se perfila desde as costas mediterráneas. 

Axencias internacionais atribúen a fontes anónimas do Goberno estadounidense filtracións que deron a coñecer esta cuarta feira algúns detalles dos plans militares ianquis, que se concretarían en "ataques multilaterais" durante "varios días" focados na infraestrutura militar de Al-Assad. Segundo estas fontes EUA non irá só e a ofensiva contará "con diferentes aliados" entre os que salientan Francia e Reino Unido. 

Desde Damasco advirten que se están a preparar para o inicio das hostilidades. "Que queren que fagamos?" se preguntaba o embaixador da Siria na ONU.

Comentarios