EUA rexeita o levantamento do bloqueo a Cuba na ONU

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas apoiou case por unanimidade a desaparición desta medida, contraria ao dereito internacional.

Cuban@s contra o bloqueo

Dos 193 estados que compoñen as Nacións Unidas, só 2 se opuxeron esta terza feira (27 de outubro) ao levantamento do bloqueo imposto polos EUA a Cuba en 1962. 

Os EUA e o Estado de Israel rexeitaron dar o seu apoio á resolución presentada pola delegación cubana anualmente desde 1992 na que se reclama o fin desta medida. 

Porén, malia os achegamentos entre ambos os dous territorios nos últimos meses, mesmo coa re-abertura das súas respectivas embaixadas na Habana e Washington e a supresión de Cuba da listaxe de 'países que promocionan o terrorismo', a administración Obama non apoiou a proposta. 

No entanto, a votación foi histórica ao contar co voto favorábel de 191 estados e ningunha abstención o que reflectiu, máis unha vez, o rexeitamento internacional ao bloqueo. Entre eles os estados membros da UE ou o Vaticano. 

A resolución apela aos principios reitores do dereito internacional, o respecto á soberanía dos pobos e á igualdade entre estados. Aliás, denuncia o carácter extra-territorial do bloqueo e os prexuízos económicos e sociais que carrexa para a poboación da illa. 

Comentarios