EUA retira definitivamente a Cuba da listaxe de 'países que promoven o terrorismo'

A decisión formalizouse esta quinta feira (29 de maio) segundo informou o portavoz do Departamento de Estado da Casa Branca. 

Saúdo entre Castro e Obama (Foto: CubaDebate)
photo_camera Saúdo entre Castro e Obama (Foto: CubaDebate)

O Departamento de Estado dos EUA anunciou esta sexta feira (29 de maio) através da súa conta oficial na rede social Twitter a decisión adoptada polo seu responsábel político, John Kerry, de efectivizar a saída de Cuba da listaxe de 'países que promoven o terrorismo' na que se mantiña desde 1982. 

 

Segundo comunicou a administración estadounidense este feito prodúcese logo de que expirasen os 45 días desde que foi notificada a vontade do goberno de Barack Obama de "rescindir a designación" da illa como "Estado promotor do Terrorismo". Así o comunicou tamén através dunha nota de imprensa o portavoz do Departamento de Estado, Jeff Rathke, segundo recolle o portal de información TeleSur. 

A entrada en vigor da orde é un dos primeiros resultados das roldas de negociación que manteñen representantes dos EUA e Cuba desde que fora anunciado a recuperación das relacións internacionais entre ambos os dous territorios. 

Desde o goberno cubano insisten na necesidade de que o bloqueo comercial, económico e financeiro imposto polos EUA en 1962 sexa suspendido como unha peza chave no desxeo das relacións. 

Comentarios