EUA, o país dos 300 millóns de armas

Obama anunciou unha reforma lexislativa para endurecer a compra de armas. A medida non precisaría a aprobación do Congreso, de maioría republicana, mais si o diñeiro preciso para aplicala, nun país no que se estiman en 30 mil as mortes anuais. 

NRA(2)
photo_camera [Imaxe NRA]

Estados Unidos ten, con data de 2014, 319 millóns de persoas e máis de 310 millóns de armas, segundo a última cifra fornecida polo Servizo de estudos do propio Congreso en 2009

En realidade, descoñécese a cifra exacta pois non existen estatísticas oficiais nen do número nen das mortes que anualmente causan. Porén, estudos privados sinalan que se aproximarían --ou mesmo excederían-- as 30 mil ao ano, sendo unha porcentaxe moi elevada das mesmas (20 mil) suicidios. 

Só en 2013, o Departamento de Xustiza de EUA rexistrou a venda de 16, 3 millóns de armas. Ou o que é o mesmo, 44.889 ao día. O mesmo ano en que Aaron Alexis, de 34 anos, causaba a morte a 12 persoas no Mando de Operacións da Armada en Washington. Un dos máis de sesenta casos semellantes acontecidos nos EUA ao longo dos últimos 20 anos. 

O Congreso cifrou en 2009 o número de armas nos EUA en 310 millóns. A día de hoxe o país ten 319 millóns de persoas

Entre elas o tiroteo na Escola de Primaria Sandy Hook (Connecticut), o 14 de decembro de 2012, na que foron asasinadas 20 crianzas e 6 persoas adultas por un mozo de 20 anos. Este caso motivou o presidente dos EUA, Barack Obama, a iniciar unha reforma lexislativa que endureza a normativa vixente a respeito da venda e posesión de armas de fogo. Unha tarefa complexa nun país que as protexe constitucionalmente como un dereito. 

A proposta de Obama

En 2013 Obama lanzaba o seu primeiro intento através do Congreso no que a maioría republicana, e parte do Partido Demócrata, imposibilitou calquera mudanza. 

Dous anos despois e coa ollada posta no final do seu mandato --sen posibilidade de reelección-- Obama deu a coñecer a reforma que sacará adiante, agora si, sen necesidade de que o Congreso lle dea o seu visto e prace. A priori. 

Actualmente de se retrasar 3 días a revisión de antecedentes a lei autoriza a compra da arma

O conxunto de medidas coas que Obama defendeu "salvar vidas" baséanse nun maior control do acceso ás mesmas para aquelas persoas que conten con antecedentes criminais e que, actualmente, conseguían en boa medida sortear a lexislación adquiríndoas através de feiras ou en loxas da Internet. Neste senso, a proposta presidencial, exixirá que estas formas de comercialización teñan tamén a obriga legal de revisar os antecedentes da persoa compradora. 

Na actualidade, a lei permite que, no caso de se retrasar 3 días o resultado do control, a persoa adquira igualmente a arma. O que facilita o seu acceso a aquelas que non ficarían excluídas. 

Asemade, todos os vendedores deberán contar cunha licenza federal e prevese o seu seguimento e vixianza para garantir que cumpren co control. Do contrario, serán sancionados económica e xudicialmente. 

Aliás, os estados deberán facilitar a información sobre persoas non aptar para a posesión de armas por razón de doenza mental ou violencia machista. 

O Congreso e a NRA

Todas estas reformas exixirán un maior despregamento de recursos económicos, humanos e materiais. E aí Obama dará co Congreso pois, embora non precisar da súa aprobación para sacar adiante a nova lexislación, si que terá que contar co seu visto e prace nas contas de 2017 e nelas prevese a fiscalidade de 200 novos axentes do Buró de Alcol, Tabaco, Armas de fogo e Explosivos (ATF, nas súas siglas en inglés) para mellorar a aplicación da lei. 230 novos examinadores do FBI e outro persoal preciso para axilizar a tramitación dos antecedentes criminais ou 500 millóns de dólares para mellorar o acceso da poboación á saúde mental. 

NRA: "Non respecta a Segunda Emenda"

Eis un dos principais muros cos que atopará Obama no camiño, mais non só. O peso, e poder politico que representa a Asociación Nacional do Rifle (NRA, en inglés) con máis de 5 millóns de persoas afiliadas, tampouco llo porá doado. O presidente dos EUA apurouse a dicir que a reforma proposta encaixa coa segunda emenda, o texto constitucional que sitúa a tenza de armas como un dereito constitucional, mais a NRA non quere escoitar falar de límites. "Nada do que propuxemos vai facer máis difícil que alguén coma vostede merque unha arma", dixo Obama na CNN. 

Mais desde a NRA insisten: "non respecta a Segunda Emenda e aos donos de armas que respectan a lei".

Comentarios