Washington ofrece 10 millóns de dólares a cambio de información sobre seis axentes da Intelixencia rusa que pretende capturar

Os seis axentes foron imputados en 2020 pola Xustiza estadounidense pola comisión dun ciberataque en Pensilvania tres anos atrás que tería ocasionado perdas por valor de 1.000 millóns de dólares. O Kremlin, pola súa parte, nega os feitos.
Os seis axentes rusos están acusados de perpetrar un ciberataque en 2017. (Foto: Kaspars Grinvalds)
photo_camera Os seis axentes rusos están acusados de perpetrar un ciberataque en 2017. (Foto: Kaspars Grinvalds)

Dez millóns de dólares, que ao cambio son perto de 9,4 millóns de euros. Ese é o prezo que o Departamento de Estado dos EUA vén de ofrecer a quen teña información que permita capturar seis membros do servizo de Intelixencia militar das Forzas Armadas de Rusia.

En concreto, a Casa Branca sinala estes seis nomes: Yuriy Sergeyevich Andrienko, Sergey Vladimirovich Detistov, Pavel Valeryevich Frolov, Anatoliy Sergeyevich Kovalev, Artem Valeryevich Ochichenko e Petr Nikolayevich Pliskin, a quen relaciona cunha "conspiración" que "utilizou malware destrutivo e levou a cabo outras accións prexudiciais", co obxectivo, afirman, de "beneficiar Rusia estratexicamente".

Trataríase dun ciberataque decorrido en xuño de 2017 que afectou un hospital de Pensilvania, unha empresa farmacéutica e "outras entidades privadas", unha acción que, segundo o Goberno de Joe Biden, tería ocasionado perdas por valor de "case 1.000 millóns de dólares". Os seis axentes rusos xa foron imputados por un xurado estadounidense en outubro de 2020 en relación a estes feitos.

O Kremlin, pola súa parte, rexeitou as acusación vertidas sobre os seus axentes militares, sostendo que se trata dunha "campaña de rusofobia" no marco da actual guerra en Ucraína.

Rusia fecha a billa do gas a Bulgaria e Polonia

Noutra orde, a compañía enerxética rusa Gazprom anunciou esta cuarta feira a suspensión, a partir de hoxe, dos subministros de gas a Bulgaria e Polonia ante a súa negativa a efectuar o pagamento en rublos.

Gazprom sinalou nun comunicado que Polonia e Bulgaria son países de tránsito e advertiu que, "en caso de extracción non autorizada de gas ruso dos volumes de tránsito cara a terceiros países, as subministracións para o tránsito reduciranse nese volume".

Segundo datos do xornal The Financial Times, perto de 75% do gas de Bulgaria procedía en 2020 de Rusia; 55%, no caso polaco.

Comentarios