EUA nutre a Israel de armas e argumentos

O presidente Obama envía munición de combate e financia o escudo antimísis israelita mentres o estado sionista continúa a masacre en Gaza.

obama-netanyahu-4
photo_camera Barack Obama e B. Netanyahu

Após rachar Israel a tregua de 72 horas acordada coa resistencia palestina e asasinar 100 persoas en Rafah --ao sur da Faixa de Gaza-- o presidente dos EUA, Barack Obama, saiu á palestra pública para responsabilizar Hamas da ruptura do cesamento ao fogo e advirtir que outro acordo desa magnitude será "difícil de conseguir". 

O Estado de Israel ten na administración estadounidense o seu maior aliado. Para alén de rexeitar condenar a masacre en Gaza e xustificar a operación 'Bordo Protector' en base á "lexítima defensa", Obama amosou publicamente o seu apoio ao goberno de Benjamin Netanyahu e responsabilizou a resistencia palestina dos novos bombardeos. Así, o presidente dos EUA afirmou que "ningún país pode tolerar que os seus cidadáns teñan que refuxiarse cada 20 minutos". 

Obama, igual que Israel, responsabiliza a Hamas do ataque a Rafah e da ruptura da tregua

Asemade, Obama exixíu a liberación dun soldado israelita supostamente secuestrado polas Brigadas de Azedím al-Kasam, o brazo armado de Hamas, durante a ofensiva en Rafah. Porén, este colectivo asegurou nun comunicado de imprensa difundido entre @s xornalistas desprazad@s en Gaza non ter capturado ningún uniformado. "Non sabemos nada sobre ningún soldado desaparecido", indicaron, "ou cales son as circunstancias da súa desaparición". 

Mais para Israel este constitúe un motivo máis para continuar avanzando sobre o terreo en Gaza após deixar tras de si máis de 1.600 persoas asasinadas, a maior parte civís. "Quero ver que se fai todo o posíbel para asegurar" que non se producen baixas civís en Gaza, acrecentou Obama na súa comparecencia pública na Casa Branca, ao tempo que dixo estar "desolado" polas cifras. 

O Congreso dos EUA aprobou un pacote de 225 millóns de dólares para o escudo antimísis de Israel

Así as cousas, o seu goberno continúa a enviar armamento a Israel. Logo da munición achegada co denominado Inventario de Reservas de Munición de Guerra, entre a que se atopa material para lanzagranadas e pezas de morteiro de 120 milímitros, o Congreso dos EUA acordou esta sexta feira (1 de agosto) a creación dun pacote de 225 millóns de dólares encamiñado a financiar o escudo antimísis israelita, tamén coñecido como Cúpula de Ferro. 

Tan só 8 congresistas se opuxeron a esta medida que contou con 395 votos favorábeis. 

Comentarios