Unha senadora leva sete semanas en uso da palabra continuado en Nebraska para impedir a aprobación dunha lei anti-trans

Machaela Cavanaugh usa o ‘obstrucionismo lexislativo’, tamén coñecido como filibusterismo parlamentario e que é unha práctica legal, para impedir a aprobación de medidas propostas polo Partido Republicano contra a comunidade trans

Machaela Cavanaugh nebraska
photo_camera Machaela Cavanaugh

En Estados Unidos a senadora estatal de Nebraska Machaela Cavanaugh utilizou durante sete semanas a regra de ‘obstrucionismo lexislativo’ (facer uso da palabra sen límite de tempo) para impedir a aprobación dun paquete de medidas contra a comunidade trans. O paquete de medidas tenta prohibir a atención médica relacionada coa afirmación de xénero a menores de 19 anos e penalizar o persoal médico quen dea ese tipo de atención.

A senadora estatal Machaela Cavanaugh afirmou que “seguirei facendo todo o que poida polos nosos fillos. Pase o que pase hoxe, continuarei loitando. Sinto que non poida facer máis nada respecto diso, estou a facer todo o posíbel”.

Cavanaugh bloqueou a consideración na lexislatura estatal de Nebraska de todas as medidas contra a comunidade trans e prometeu “usar” todo o tempo que sexa necesario para obstruír este proxecto de lei.

A regra de obstrucionismo lexislativo vixente en Nebraska permite que a persoa que está a facer uso desa regra poida sentar e ir ao baño.

"Este proxecto de lei non vén para beneficiar unha comunidade específica, senón para tratar de erradicar a súa existencia”, afirmou Cavanaugh. “E todo o que podo pensar é que esa é unha forma moi odiosa de facer política pública. Entón, para ser conciso, iso é lexislar o odio”, engadiu.

A lexisladora estimou que "están a elixir priorizar lexislar o odio sobre o benestar económico do estado”, dixo Cavanaugh.

“Esa é a elección que están a facer. Teñen o poder e a capacidade de discutir proxectos de lei que farán avanzar a nosa economía, que abordarán os subsidios para o coidado infantil, a inseguridade alimentaria e a educación", mais non o fan, denunciou, e optan por medidas “contra unha comunidade concreta”.

No que vai de 2023 presentáronse 136 proxectos de lei nas lexislaturas estatais de Estados Unidos para prohibir ou limitar a atención a menores de idade en materia de identidade de xénero. Trece estados promulgaron leis que prohiben a medicación e a atención cirúrxica para trans.

Comentarios