Trump racha con Moscova

Os EUA lanzan un ataque unilateral a Siria sen o amparo de Nacións Unidas

Pouco demorou Donald Trump en desmentir aqueles que o colocaban nunha estraña alianza con Moscova. Os EUA lanzaron esta noite un ataque a Siria en resposta ao uso suposto de armas químicas por parte das forzas armadas de Damasco, enfaticamente negado por al Assad e por Rusia. Esta sexta feira, Moscova vai demandar unha reunión urxente do Consello de Seguranza da ONU.

base
photo_camera Imaxe da base aérea estadunidense

Como en Iraque, sen a cobertura dun mandato de Nacións Unidas. Estados Unidos lanzou esta noite un ataque unilateral -ilegal do ponto de vista do direito internacional- contra bases áreas e instalacións sirias. En Washington apreséntano como unha resposta ao pretenso uso de armas químicas por parte de Damasco. Analistas críticos opinan, en troca, que Donald Trump se acaba de aliñar co sector do complexo militar-industrial que recea dunha vitoria das tropas leais a al Assad -que até este ataque parecía a piques de se alcanzar- na sanguenta guerra que asola o país desde hai seis anos.

Moscova advirte sobre as "consecuencias tráxicas" do ataque estadunidense.

O ataque dos EUA focalizouse nunha base militar siria perto de Homs, e en primeira instancia tería consistido no lanzamento de entre 50 e 60 míseis Tomahawk.

Unha alta fonte militar tería dito a Reuters que este ataque non é o principio dunha ofensiva, senón unha acción isolada que polo de agora non tería continuidade.

Esa instalación militar ten acollido forzas militares rusas e destacamentos de Hezbola, a milicia libanesa aliada con Damasco.

Portavoces do Pentágono din que terían avisado a Moscova do ataque, que -segundo fontes da administración siria- tería causado a morte de catro ou cinco soldados do exército regular ás ordes de Damasco.

Acordo roto

En resposta ao ataque estadounidense, aliás, Rusia decidiu suspender o acordo con EUA polo que evitaban enfrontamentos aéreos sobre territorio sirio. En base a este memorando, acadado a finais de 2015, Rusia e Estados Unidos comprometíanse a evitar enfrontamentos aéreos en Siria entre as forzas de ambos os dous países.

[NOTICIA EN AMPLIACIÓN]

Comentarios