EUA expulsa a persoal diplomático venezolano

A administración Obama argüe que Venezuela desenvolve un novo proceso electoral e que o resultado dos comicios podería supor un "cambio de réxime". Após a decisión de declarar "persoa non grata" ao cónsul e o segundo secretario da embaixada bolivariana, o goberno dos EUA rachou as conversas iniciadas entre ambos os dous países en novembro de 2012.

A expulsión de parte do persoal diplomático bolivariano dos EUA prodúcese logo de que o goberno de Venezuela decidise expulsar do país a dous militares estadounidenses acusados de estabeleceren contactos co exército venezolano na procura de desestabilizaren o goberno de Hugo Chávez --naquela altura a piques de falecer.

A administración estanounidense coñece o importante papel que xogan as forzas armadas no futuro do país logo do pasamento de Chávez polo que procurou fendas que permitisen abrir camiño á oposición dentre do exército. Porén, a administración estadounidese asegura que a declaración de "persoa non grata" do cónsul, Victor Camacaro Mata, e do secretario segundo da embaixada, Orlando José Montañez Olivares, atende á convocatoria de eleccións presidenciais no país logo do pasamento do comandante Hugo Chávez.

Neste senso, coincide o mandato norteamericano coa visita realizada polo líder opositor, Henrique Capriles, ao país poucos días antes de se coñecer que encabezará a candidatura da dereita. O certo é que a campaña electoral xa resoa no país após inscribírense oficialmente os candidatos.

As interpelacións entre Capriles e os líderes do PSUV --entre eles o presidente da Asemblea, Diosdado Cabello-- endureceron o ton das acusacións. Logo das acusacións proferidas polo candidato da Mesa de Unidade Democrática, que acusou o movemento bolivariano de ter "todo friamente calculado, até a data das eleccións", Cabello advertiu ao opositor: "Fixeche unha declaración de guerra".

Comentarios