Os EUA espían os sistemas informáticos de Corea do Norte desde 2010

Os EUA acusaron a Corea do Norte de submeter a un ciberataque a Sony Pictures pola realización do filme The Interview. Mais agora acaba de trascender que desde 2010 a Administración norteamericana hackea os sistemas informáticos nor-coreanos.

OBAMA
photo_camera [Carlos Latuff]

Segundo unha información publicada por The New York Times, a NSA (National Security Agency) espía os sistemas informáticos de Corea do Norte desde 2010. Esta axencia, á que Edward Snowden imputou a responsabilidade dun xigantesco programa de espionaxe global para o cal tería contado coa colaboración de Google, Microsoft ou Apple, conseguiu hackear as redes chinesass que conectan Corea do Norte co resto do planea e, afirma The New York Times, "penetrou directamente no Norte coa axuda de Corea do Sul e outros aliados americanos".

Pyongyang ten negado reiteradamente ser responsábel do ataque masivo sufrido por Sony Pictures Entertainment este outono após producir un filme sobre o asasinato de Kim Jong-Un, fita cualificada por Corea do Norte como un "acto de guerra".

A administración Obama non dubidou en responsabilizar do ataque o Goberno nor-coreano. Aliás, expertos informáticos, como admite The New York Times, poñen en cuestión que Corea do Norte dispoña da tecnoloxía precisa para perpetrar un asalto telemático tan sofisticado como o soportado por Sony.

En troca, os norteamericanos si que dispoñen desa tecnoloxía para espiar os sistemas informáticos nor-coreanos e estano facendo desde 2010.

The New York Times pergúntase, aliás, por que Washington non foi capaz -embora terse infiltrado na rede de intelixencia informática norcoreana- de advertir a Sony de que Pyongyang preparaba supostamente un ataque contra ela por producir The Interview.

Comentarios