EUA despreza a investigacións da ONU e insiste en culpar o goberno sirio do ataque químico

O secretario de Estado, John Kerry, afirma que o ataque químico foi desde bases do Exército sirio, mais sen achegar probas da acusación. Di que se EUA non responde, “Irán, Corea do Norte e Hezbolah” sairán reforzados e mesmo engadiu que “se non actuamos, o mundo estará en perigo”. Iso si, Kerry anuncia que a operación será distinta ás de Iraq e Afganistán

Obama e Kerry
photo_camera Obama e Kerry

O secretario de Estado de Estados Unidos, John Kerry, compareceu esta sexta feira nunha rolda de imprensa convocada para presentar as ‘evidencias’ de que o ataque tóxico do pasado día 21 na contorna de Damasco era responsabilidade do exército sirio. Non houbo proba algunha e si moita insistencia en chamar a confiar no que di EUA. Así, Kerry afirmou textualmente que “a investigación da ONU non desvelará quen lanzou o ataque".

"Obama e eu cremos na ONU e respectamos o seu traballo, mais a investigación da ONU non establecerá quen usou as armas químicas e dado o veto de Rusia, a ONU non vai poder liderar a resposta como debera”

Mais se a ONU non pode determinar responsabilidades, apuntaba Kerry, Estados Unidos, si. E sinalou o goberno sirio. O secretario de Estado e veterano do Vietnam afirmou: “sabemos que todos os misís foron disparados desde bases do réxime”, desde zonas “a onde os rebeldes non tiñan acceso”. Mais non achegou probas.

Probas que non poden ensinarse “por seguridade”

O secretario insistiu en que, a través dos servizos de intelixencia, teñen probas de abondo desa responsabilidade de Al Assad, mais que non podían expoñerse ante a opinión pública por ser alto secreto. “O ataque químico matou a 1.429 persoas, 426 crianzas”, afirmou. E reiterou en culpar a Al Assad nesas mortes

John Kerry sinalou que de non actuar contra Siria, estados como Irán ou Corea do Norte e organizacións como a libanesa Hizbulah habíanse envalentonar e que mesmo de non actuar “o mundo estaría en perigo”. Iso si, sería unha intervención, aclarou Kerry, diferente ás de Iraq e Afganistán.

Comentarios