EUA desbota 60 millóns de doses de Janssen por risco de contaminación

Mestura de ingredientes equivocados na fabricación.
EuropaPress_3691841_vial_vacuna_janssen_contra_covid-19_mayo_2021_madrid_espana_datos
photo_camera Mostras da vacina Janssen, que elabora o laboratorio estadounidense Johnson&Johnson. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

As autoridades federais estadounidenses informaron á multinacional Johnson&Johnson de que preto de 60 millóns de doses da súa vacina Janssen non poden ser administradas por risco de posíbel contaminación, segundo informaron ao The New York Times fontes próximas ás conversas.

As doses foron fabricadas nunha planta da compañía Emergent BioSolutions situada en Baltimore, que leva dous meses fechada. Unha investigación púxose en marcha despois de que se descubrise que os seus empregados mesturaran ingredientes equivocados na fabricación dunha remesa de vacinas.

Precisamente, dez millóns de doses creadas por Emergent forman parte do paquete de doazóns de vacinas que a Casa Branca quere facilitar á comunidade internacional. Johnson&Johnson non se pronunciou de momento sobre a información.

Aínda que a FDA, a axencia do medicamento estadounidense, confirmou que esa remesa en particular é adecuada para o seu uso, deberá ir acompañada do aviso de que non poden confirmar que Emergent siga as "boas prácticas recomendadas" na manufactura da vacina.

A FDA determinou que varios outros lotes non son adecuados para o seu uso e algúns máis estanse a analizar. A axencia dixo que irá informado a medida que se completen esas análises.

Data de caducidade

Ademais, a FDA estendeu a data de caducidade da Janssen tras revisar a información enviada e determinar que a vacina se pode almacenar entre 2-8ºC durante catro meses e medio en lugar de tres meses.

Pola súa banda, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) informou esta sexta feira de que tiña coñecemento dun lote de Janssen "contaminado con materiais para outra vacina fabricada no mesmo lugar", en referencia á planta de Baltimore, "mais [Emergent] precisou que o lote en cuestión non estaba destinado ao mercado da UE".

A EMA indicou, segundo a información dispoñíbel, que os lotes da vacina de Janssen na UE "non se viron afectados pola contaminación cruzada". Non obstante, "como medida de precaución e para salvagardar a calidade das vacinas", as autoridades supervisoras recomendan non empregar os lotes elaborados "aproximadamente ao mesmo tempo que se produciu a contaminación".

Comentarios