EUA e Cuba, normalizar as relacións co bloqueo como pano de fondo

O conxunto de leis que compoñen esta medida adoptada en 1962 marcaron un fito histórico nas relacións internacionais desde a segunda metade do século XX. 

Revista Forum
photo_camera [Imaxe Revista Forum]

"Partillamos a idea de que pode abrirse unha nova etapa entre Estados Unidos e Cuba, que se inicia co re-estabelecemento das relacións diplomáticas, mais fica por resolver o esencial, que é o cesamento do bloqueo". Así se pronunciaba o presidente de Cuba, Raúl Castro perante o Parlamento no seu discurso de clausura do IV período ordinario de sesións. 

Após o histórico anuncio realizado o 17 de decembro e dun primeiro paso co troco de presos, EUA e Cuba encetan un novo período logo de medio século de conflito. Sobre a mesa de negociacións a normalización das relacións pasa polo levantamento do bloqueo económico, comercial e financeiro instaurado pola administración de JFK. Un fito histórico que marcou a política internacional desde 1962 e que supuxo o illamento de Cuba durante décadas. 

As relacións diplomáticas e consulares foron rachadas polos Estados Unidos o 3 de xaneiro de 1961. A decisión foi adoptada polo presidente Eisenhower após a nacionalización de terras aprobada polo goberno revolucionario cubano como parte da Reforma Agraria de 1959. Con anterioridade, a administración estadounidense suspendera a compra de azucre cubano o que levou a illa a estreitar a súa relación comercial coa URSS. 

Kennedy, o pai do bloqueo

Eisenhower exixía como "standar mínimo unha indemnización rápida, acaída e efectiva" polas propiedades expropiadas, segundo recolle o profesor Salim Lamrani no libro État de Siège.

Para o goberno estadounidense a indemnización fixada polo artigo 31 da Lei de Reforma Agraria (1959), que estabelecía unha compensación ás nacionalizacións através de "bonos redimibeis" a 20 anos, non era suficiente polo que iniciou unha ofensiva económica que tería o seu punto máis elevado en 1962, con JFK á cabeza, ao promugar a Proclama Presidencial 3447 (27 FR 1085).

Este intrumento xurídico amparado na Lei de Axuda Externa (1961) autorizaba o presidente dos EUA a "bloquear" todo tipo de comercio con aqueles países que estiveren dominados ou controlados, sinala a lei, polo "movemento comunista internacional" e que "adebedasen bens ou servizos a calquera cidadán estadounidense. 

Os argumentos xurídicos empregados polos EUA baseábanse nun suposto control do goberno cubano por parte da URSS e nas expropiacións ás transnacionais agrícolas estadounidenses

Os argumentos xurídicos empregados polos EUA baseábanse nun suposto control do goberno cubano por parte da URSS --loga da invasión de Bahía Cochinos-- e nas expropiacións levadas a cabo por Cuba ás transnacionais agrícolas estadounidenses así como outras compañías eléctricas e de telefonía. 

"Impuxo directamente o chamado embargo ao comercio con Cuba e econmendou ao secretario do Tesouro a tarefa das prohibicións comerciais referidas a importacións desde a illa e ao secretario de Comercio as relacionadas coas exportacións con ese destino", apuntan os investigadores Pablo Marínez e Valdés Lobán nun artigo publicado en 1999.

Mais non ficaba aí, "o 23 de marzo de 1962 Kennedy estendeu o embargo a produtos que contivesen materiais cubanos, mesmo os fabricados noutros países. Da mesma maneira a partir do mes de agosto de 1962, toda nación que fornecese de axuda a Cuba veríase automaticamente excluída do programa de axuda estadounidense", explica Salim Lamrani. O bloqueo ampliaríase con posterioridade ao intercambio marítimo, o que suporía o illamento por mar de Cuba. 

Con estas medidas a administración estadounidense procurou o derrocamento --baixo presión económica, comercial e financeira-- do réxime cubano. Un feito que foi recoñecido polo propio presidente Obama no discurso pronunciado o pasado 17 de decembro. O proceder estadounidense puña en práctica a política de relacións exteriores desesnvolvida polo país desde finais do século XIX e coñecida como Doutrina Monroe, segundo a cal "a América [EUA] ten un hemisferio para si propia". Este pensamento político levaría os gobernos estadounidenses a declarar Latinoamérica o seu Patio Traseiro e, de acordo con isto, a sua capacidade de intervención, en virtude dos seus intereses políticos, económicos e militares, noutros estados. 

A caída da URSS e o recrudecemento do bloqueo 

O bloqueo mantívose nestes termos até 1992. Co derrubamento da URSS --principal socio económico de Cuba desde 1962-- a administración estadounidense decidiu endurecer o conxunto de medidas instauradas nun intento porque a socialismo cubano chegase ao seu fin. Mais, desaparecido o suposto "movemento comunista internacional" o discurso norteamericano mudou. O daquela presidente, George Bush (pai) promulgou o 23 de outubro de 1992 a coñecida como Lei Torricelli. Neste texto a administración estadounidense apela á falta de vontade por parte do goberno cubano para "aceptar os deteritos humanos e os valores democráticos" para xustificar o recrudecemento do bloqueo. 

Coa Lei Torricelli os EUA mudan o discurso, finado o 'inimigo comunista' o conflito con Cuba radica na vulneración dos "dereitos humanos"

Neste senso, a Lei Torricelli prohibe o comercio con Cuba das filiais de empresas estadounidenses afincadas en terceiros países e a entrada en portos estadounidenses daqueles buques que atraquen en Cuba, alomenos nun mínimo de 180 días. O propio texto xurídico recoñece a vontade intervencionista da lei ao fixar os criterios de levantamento do bloqueo de se celebraren eleccións "libres e xustas" en Cuba que permitan "aos partidos da oposición desenvolver con tempo as súas campañas electorais". 

Numerosos estudos internacionais condenaron na altura, e con posterioridade, a Lei Torricelli ao considerar o seu carácter "extraterritorial", isto é, que inxire nos asuntos internos de terceiros países para alén dos asuntos internos de Cuba. 

Porén, catro anos máis tarde, a administración de Bill Clinton aprobaría un outro instrumento xurídico considerado até o momento --polo seu contido e alcance-- o máis agresivo. A coñecida como Lei Helms-Burton (1996) ou Lei para a liberdade e solidariedade democrática cubanas codifica todas as normas, regulamentos e ordes presidenciais adotadas despois da Proclama presidencial de 1962 elevándoas a rango de lei. Ao tempo que priva o presidente das prerrogativas previstas na Lei de Axuda Externa para que só o Congreso dos EUA poida mudar as disposicións lexislativas relativas ao bloqueo. 

George W. Bush e Collin Powell aprobaron en 2003 partidas orzamentarias destinadas a desestabilizar o goberno cubano

Asemade, ao longo dos catro títulos que compoñen a Helms-Burtom os EUA definen os obxectivos políticos fixados en Cuba. O goberno estadounidense condiciona o re-estabelecemento das relacións económicas e comerciais á instauración en Cuba dun "modelo de libre mercado" e dunhas "democracia representativa". 

Inxerencia e vulneración do dereito internacional

A suspensión do bloqueo fica, pois, en mans do Congreso dos EUA, un feito que marcará as conversas iniciadas entre o goberno cubano e administración Obama. Aliás, condiciona calquera avanzo na normalización das relacións a mudanzas políticas e económicas na illa. Un obxectivo que os EUA levan traballando desde hai décadas mais que intensificaron e mesmo lexislaron en 2003. Durante o goberno de George W. Bush (fillo) sendo secretario de estado Collin Powell creouse a Comisión de asistencia a unha Cuba libre, entre outras tarefas estabeleceuse unha liña orzamentaria coa que se financiabaron ONG's favorábeis aos intereses norteamericanos, grupos de disidentes ou mesmo diplomacia pública que difundise, sinalan, "a realidade da Cuba de Castro". 

De maneira reiterada desde 1992 as Nacións Unidas exixen o levantamento do bloqueo, entre outras cuestións, polo seu carácter ilegal ao consideraren que a andamiaxe xurídica sobre a que se sustentan constitúe unha vulneración dos principios reitores do Dereito Internacional, como a igualdade soberana e a non inxerencia nos asuntos internos. 

Comentarios