EUA confirma o asasinato do líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri

Os Goberno talibán e estadounidense cruzan acusacións de non respectar o Acordo de Doha.
Osama Bin Laden e Ayman al Zawahiri. (Foto: Europa Press)
photo_camera Osama Bin Laden e Ayman al Zawahiri. (Foto: Europa Press)

O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, confirmou na mañá desta terza feira o asasinato do actual líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri, nun ataque con dron no seu domicilio en Cabul (Afganistán). 

Nunha rolda de prensa realizada na Casa Branca, Biden explicou que "o sábado, baixo a miña dirección, Estados Unidos concluíu con éxito un ataque aéreo en Cabul que matou o líder de Al Qaeda, Ayman al Zawahiri".

Al Zawahiri sucedera Osama Bin Laden á fronte da organización islamista despois de que o exército estadounidense o asasinase en 2011. Antes foi a man dereita de Bin Laden en Al Qaeda, e segundo os EUA, encargouse de "organizar" os atentados do 11 de setembro de 2001 contra varios edificios de Estados Unidos, entre eles as Torres Xemelgas.

Aliás, o secretario de Estado, Antony Blinken, acusou o Goberno de Afganistán de "violar gravemente" o Acordo de Doha, polo que as tropas dos EUA e da OTAN abandonaban o país a cambio de que o Executivo talibán evitase que Al Qaeda operase no territorio.

O Goberno talibán condena o ataque

Pola súa parte, o portavoz do Goberno talibán de Afganistán, Zabihullah Mujahid, acusou tamén Estados Unidos de non respectar o Acordo de Doha, aínda que neste caso polo ataque con drons ao líder de Al Qaeda.

"O Emirato Islámico de Afganistán condena enerxicamente este ataque con calquera pretexto e cualifícao como unha clara violación dos principios internacionais", manifestou Mujahid.

Para o portavoz gobernamental, "tales accións son unha repetición das experiencias frustradas dos últimos 20 anos" e asegurou que repercuten negativamente nos intereses de Estados Unidos e de Afganistán.

Comentarios