EUA: Biden suma opcións de ser o novo presidente a medida que avanza o reconto

Trump recorre aos tribunais cunha batería de demandas xudiciais.

 

trump biden
photo_camera Trump e Biden

Horas frenéticas en Estados Unidos, onde a estas alturas, un día despois das eleccións, aínda non se sabe quen vai ser o novo presidente. Se Trump sorriu primeiro, ao resistir mellor do que lle prognosticaban enquisas e sondaxes e lograr vantaxe en estados clave, agora semella que é a Biden a quen sorrí o reconto.

A medida que o escrutinio avanza nos estados pendentes e do voto anticipado e por correo, o candidato do Partido Demócrata semella ter máis posibilidades de chegar á presidencia.

A súa vitoria nas últimas horas en Michigan e Wisconsin, cos 26 votos electorais que iso representa, achegan ao veterano político á Casa Branca. 

A estas horas, 8 da mañá hora galega, Biden suma 253 representantes por 214 de Donald Trump. Para ser presidente hai que ter 270 e o reconto que aínda fica por diante semella que vai sorrir ao ‘demócrata’.

Mais Donald Trump non está disposto a deixar as cousas así, e tal e como anunciou iniciou unha serie de demandas xudiciais poñendo en dúbida o escrutinio en determinados sitios.Unha batalla legal que axita a pantasma da “fraude electoral”.

Pensilvania, Xeorxia, Nevada, Arizona ou Carolina do Norte son algúns dos estados onde o escrutinio aínda non finalizou. Todas as miradas se centran neles.

En Arizona e Nevada leva vantaxe Biden, que se finalmente gaña lograría 17 representantes máis, o que lle permitiría acadar os 270 necesarios para ser presidente.

Comentarios