venres 24/09/21

EUA aproba liberar o preso máis vello do cárcere de Guantánamo

De 73 anos, leva 16 retido sen cargos na súa contra.
EuropaPress_3718770_detenidos_prision_base_militar_estadounidense_guantanamo_cuba
Presos de Guantánamo orando (Foto: T14 / ZUMA)

Un home de 73 anos de nacionalidade paquistaní, o máis ancián dos que están encarcerados na prisión que Washington ten na illa de Cuba, na baía de Guantánamo, foi notificado nas últimas horas que se aprobara a súa liberación tras máis de 16 anos preso, informou a axencia de noticias Associated Press.

Saifullah Paracha, que foi detido polos seus supostos lazos con Al Qaeda, nunca chegou a ser imputado por ningún cargo. Tal e como é habitual, a notificación da liberación carecía dunha explicación detallada. Simplemente comunicaba que Paracha "xa non é unha ameaza en curso" para os EUA, sinalou o seu representante legal, Shelby Sullivan-Bennis.

Paracha, que tiña a súa residencia nos EUA e unha propiedade na cidade de Nova York, era un home de negocios adiñeirado no Paquistán. As autoridades argumentaron que se trataba dun "facilitador" de Al Qaeda que axudou cunha transacción financeira a dous dos organizadores dos ataques do 11-S. El sostén que non sabía que eran membros de Al Qaeda e nega calquera vínculo con organizacións consideradas terroristas polos EUA.

Dereito internacional

Washington, que capturou a Paracha en Tailandia en 2003 e trasladouno a Guantánamo en setembro de 2004, defende que o dereito internacional ampara a detención indefinida sen presentar ningún cargo. Porén, organizacións como Human Right Watch consideran que non se trata de prisioneiros de guerra ─non hai un conflito entre Estados─ e polo tanto Guantánamo é ilegal.

Paracha, que padece diabetes e  unha doenza cardíaca, compareceu en novembro por oitava vez ante a comisión que revisa a situación dos reclusos. Esta comisión foi instaurada polo presidente Barack Obama co fin de previr a liberación de presos que as autoridades consideraban que poderían levar a cabo accións hostís contra os EUA tras saíren de Guantánamo. 

40 prisioneiros

Ademais de Saifullah Paracha, o Goberno do presidente Joe Biden aprobou que outros dous presos de Guantánamo sexan liberados para a súa extradición a varios países que imporán medidas de seguridade na súa contra, segundo detallou The New York Times.

Trátase de Abdul Rabbani, paquistaní de 54 anos, e Uzman Abdul al Rahim Uzman, un iemení de 40. Ningún foi imputado durante as dúas décadas que levan baixo custodia. 

En Guantánamo hai na actualidade 40 prisioneiros: 12 imputados por crimes de guerra e un condenado; outros 19 son considerados demasiado perigosos para seren trasladados a un terceiro país, e o resto agardan a extradición desde hai anos.

comentarios