EUA abre unha fronte con Rusia sen visos de se fechar a chinesa

O presidente estadounidense, Joe Biden, reafírmase na súa estratexia de pau e cenoria, de multilateralismo e Exército.
EuropaPress_3610809_18_march_2021_south_korea_seoul_us_secretary_of_state_antony_blinken_speaks
photo_camera O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, en Seul, poucas horas antes da reunión en Alaska (Foto: YNA / dpa)

As polémicas declaracións do presidente dos EUA, Joe Biden, cualificando o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de "asasino desalmado" viñeron a certificar a estratexia de confrontación anunciada polo novo inquilino da Casa Branca nos días previos e posteriores a asumir o cargo. 

O acordo asinado o pasado 3 de febreiro para prorrogar o tratado Start de redución de armas estratéxicas pode que sexa o último en que se poñan de acordo Moscova e Washington nos próximos catro anos. Biden, con todo, insiste en afirmar que neste tipo de cuestións está a disposto a negociar, aínda que será complicado así se estabelezan as máis que seguras sancións a Rusia pola suposta intromisión do Kremlin nas eleccións presidenciais estadounidenses.

As autoridades rusas, pola súa banda, avogaron onte por evitar unha guerra fría cos EUA, aínda que avisaron de que o país está preparado para "todos os escenarios" posíbeis. O portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, sinalou que Putin manifestara "claramente" o seu desexo de continuar adiante coas relacións bilaterais entre ambos os dous países "a pesar de todo", porque está "no interese do mundo enteiro".

"Agora ben, non podemos deixar de lado as palabras de Biden", dixo. Palabras que o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, cualificou de "inaceptábeis", un día despois de EUA criticar con dureza o inicio do proceso de ilegalización do partido pro-kurdo HDP por parte de Ankara.

Mal comezo

A lea con Rusia únese á tensión acumulada coa China tras catro anos de Goberno de Donald Trump. Hoxe finalizou a primeira xuntanza ao máis alto nivel entre Beijing e Washington. Unha reunión de dous días en Alaska que rematou con reproches por ambas as dúas partes.

A cita viña precedida dos movementos diplomáticos estadounidenses na rexión de influencia chinesa. Membros do Goberno do país norteamericano reuníronse nos últimos días cos seus aliados Xapón e Corea do Sur; ademais EUA impuxo sancións á China "pola represión sobre as liberdades políticas en Hong Kong".

No discurso inaugural, o representante do Partido Comunista  da China (PCCh), Yang Jiechi, foi extremadamente crítico coa democracia dos EUA, así como coa súa política exterior e comercial. "Agardamos que a EUA lle vaia mellor en materia de dereitos humanos", en referencia aos disturbios raciais do ano pasado.

As palabras, emitidas pola TV, foron cualificadas polos diplomáticos dos EUA de teatralidade de cara ao público chinés.

Afganistán e outros

Biden, en todo caso, aposta firmemente por regresar ao terreo da política internacional de maneira activa. Con pau e cenoria:  multilateralismo e Exército. Nas últimas horas mantivo unha reunión virtual co Consello de Seguridade da ONU, onde pediu unha actuación "urxente" nas crises de Birmania e de Tigray, así como tamén en Libia, Siria e o Iemen.

A Casa Branca, nun comunicado, reafirmou "o compromiso de EUA co liderado mundial baseado en valores e co reencontro coas institucións internacionais, en particular coa ONU".

Outro conflito ─bélico─ aberto é o do Afganistán. Malia a oposición inicial de Biden, os EUA estarían valorando a posibilidade de estender seis meses a estadía das tropas despregadas no país.

Neste sentido, os talibán e o Goberno afgán acordaron onte nunha reunión en Moscova acelerar as negociacións de paz, a seis semanas xustas de que se cumpra o prazo acordado para a saída dos EUA do Afganistán.

Comentarios