Etiopía súmese nunha espiral de violencia

Ao estado de emerxencia na rexión de Amhara hai que engadir o conflito aberto na rexión de Tigrai e a violencia na de Juno, no límite con Eritrea e Xibutí
Persoas refuxiadas de Tigrai en territorio de Sudán. (Foto: Will Carter / NRC)
photo_camera Persoas refuxiadas de Tigrai en territorio de Sudán. (Foto: Will Carter / NRC)

O Goberno etíope declarou esta segunda feira o estado de emerxencia no sur da rexión de Amhara, fronteiriza con Sudán, despois de máis de 300 mortos en marzo nesa zona, sinalou Endale Haile, defensor do pobo etíope. Isto súmase ao conflito aberto na rexión de Tigrai e a violencia na de Juno, no límite con Eritrea e Xibutí.

Un día antes da declaración de emerxencia, o exército enviou tropas á zona especial de xestión dos oromo, situada dentro da rexión de Amhara, na que reside o pobo amhara, segundo con máis poboación en Etiopía.

A violencia en Amhara estoupou o 19 de marzo co asasinato á porta dunha mesquita dun líder do pobo oromo, maioritario en Etiopía mais non nesta rexión, o que levou a enfrontamentos coas forzas da seguridade de Amhara.

Ao longo da fin de semana varias vilas desta zona como Ataie foron tomadas por persoas armadas, provocando un número de falecidos por armas de lume aínda sen precisar, segundo informou o Ministerio de Defensa etíope.

A situación levou incluso a enfrontamentos armados entre as persoas oromo e amhara do Partido da Prosperidade, ao que pertence o presidente de Etiopía, Abiy Ahmed Ali, tal e como fixo público Al Jazeera.

A Comisión etíope de Dereitos Humanos pediu, co gallo dos acontecementos destes días, a implicación do Goberno, “terían que asumir a súa responsabilidade de protexer á xente”, declarou.

Conflito en Tigrai

A situación política en Etiopía caeu desde novembro nunha onda de inestabilidade, coa decisión do Goberno de asaltar militarmente a rexión de Tigrai, xustificado nun ataque dunha guerrilla que opera na rexión a unha base do exército federal.

Se ben o exército etíope se fixo co control da zona rapidamente, o conflito derivou nunha guerra de guerrillas e no desprazamento da poboación para fuxir dos combates nos que Etiopía permitiu o acceso ao seu territorio de tropas eritreas para reprimir a poboación de Tigrai, nunha situación que o novo secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, cualificou de “limpeza étnica”.

A estas declaracións súmanse organizacións como Amnistía Internacional, que denunciou crimes contra a humanidade dos exércitos etíope e eritreo, ou Médicos Sen Fronteiras, que acusou o Goberno de Adís Adeba da destrución deliberada das infraestruturas sanitarias en Tigrai.

A orixe do conflicto do Goberno federal co Tigrai está na decisión da Fronte de Liberación Popular de Tigrai de non integrarse no Partido da Prosperidade, creado en 2019 ao unirse o resto de partidos políticos da coalición Fronte Democrático Revolucionario do Povo Etíope, que goberna desde 1991, nunha única agrupación.

Comentarios