Fin da organización armada

“ETA xurdiu deste pobo e agora disólvese nel”

Un comunicado emitido desde Xenebra por mediadores internacionais pon punto e final a 50 anos da organización armada vasca ETA. “Esta decisión adoptámola para favorecer unha nova fase histórica. ETA xurdiu deste pobo e agora disólvese nel”, anuncia a declaración.
 

presos euskal herria
photo_camera Manifestación polos presos en Euskal Herria, en xaneiro de 2017.

O texto foi lido por David Harland, director do Centro de Diálogo Humanitario da cidade Suíza. Segundo os datos do organismo, que recolle o xornal Gara, no debate interno de ETA participaron 3.000 persoas. 93% apoiaron a decisión da dirección de dar por concluído un ciclo histórico.

“ETA desmantelou totalmente as súas estruturas”, afirma o comunicado, “dá por concluída toda a súa actividade política. Non será máis ca un axente que manifeste posicións políticas, promova iniciativas e interpele outros actores”.  

“Os e as ex militantes de ETA continuarán coa loita por unha Esukal Herria reunificada, independente, socialista, euskaldún e non patriarcal noutros ámbitos”, engade, “cada quen onde o considere máis oportuno, coa responsabilidade e honestidade der sempre”.

A declaración afirma que “ETA desexa pechar un ciclo no conflito que enfronta Euskal Herria cos estados, o caracterizado pola violencia política”. “En adiante, o principal reto será construír un proceso como pobo que teña como eixes a acumulación de forzas, a activación popular e os acordos entre diferentes, tanto para abordar as consecuencias do conflito como para abordar a raíz política e histórica”.

Amais da lectura de Harland en Xenebra, a BBC recibiu unha gravación de audio de Josu Urritikoetxea en que pronunciaba as mesmas palabras. Outra histórica integrante da organización, Marixol Iparragirre, en prisión desde 2004, fai o propio nun audio remitido a Naiz, a redacción dixital de Gara.

“Dano e sufrimento causado”


Hai apenas doce días, ETA remitía outro comunicado aos xornais bascos Gara e Berria en que recoñecía o “dano e o sufrimento causado” e pasaba a autodeclararse “organización desarmada”. “Queremos amosar o noso respecto aos mortos, feridos e ás vítimas que causaron as acción de ETA, na medida que foron damnificadas polo conflito. Sentímolo de verdade”, dicía. Era o penúltimo chanzo dun proceso iniciado en outubro de 2011, cando anunciaron o “cesamento definitivo da actividade armada”.

Comentarios