ETA pide “perdón” e recoñece os “graves danos causados”: “Sentímolo”

ETA recoñece o dano e o sufrimento causado polo seu máis de medio século de actividade armada e faino a través dun comunicado (‘ETA ao pobo vasco: recoñecemento do dano causado’) que publican Gara e Berria. Dentro do seu proceso de debate interno, a organización acompaña o comunicado cunha nota explicativa sobre o contexto e fundamentos deste novo paso. Un máis desde que adoptou a decisión do cesamento definitivo da actividade e un ano após que ela propia se declarase “organización desarmada”.  

ETA

A quince días de que se produza, segundo anunciaron diversos medios vascos nestes días, a súa disolución definitiva, ETA recoñece “o dano que causou no transcurso da súa traxectoria armada” e mostra o seu “compromiso coa superación definitiva das consecuencias do conflito e coa non repetición”. Di que “oxalá nada diso acontecese” e apela á “reconciliación”.

Tamén pide ETA “perdón” ás vítimas que “non tiñan unha participación directa no conflito”. A organización fala de “sufrimento desmedido”  con “mortos, feridos, torturados, secuestrados ou persoas que se viron obrigadas a fuxir ao estranxeiro”, e recoñece a súa responsabilidade na “dor” xerada.

“Queremos amosar o noso respecto aos mortos, feridos e ás vítimas que causaron as acción de ETA, na medida que foron damnificadas polo conflito. Sentímolo de verdade”.

Comentarios