APELA á INDEPENDENCIA DE EUSKAL HERRIA

ETA reaparece cun comunicado polo Aberri Eguna e lamenta non estar “onde esperabamos”

Con motivo do Aberri Eguna, o Día da Patria Vasca que ten lugar este domingo, a ETA reaparece cun comunicado de imprensa no que lamenta que após cinco anos do alto o fogo o proceso de paz non arrincara.

Ikurriña

“Retrocedendo cinco anos e fixándonos na esperanza colectiva que xurdiu en Euskal Herria, non estamos onde esperabamos”, recolle o comunicado publicado por Gara, que continúa así: “Non se iniciou un proceso dialogado de paz e resolución, nin cos Estados nin entre as forzas políticas de Euskal Herria, coa excepción de Ipar Euskal Herria”.

Así, a ETA lembra que o ofrecido polos Estados español é francés foi o seguinte: "falta de recoñecemento, desprezo, imposición e opresión, século a século. E por se iso for pouco, cada vez con máis claridade calcinan as nosas bases económicas e produtivas, ao tempo que empobrecen as condicións de vida dos sectores populares e dos traballadores.

A formación advirte neste comunicado de que as consecuencias do conflito seguen sen se resolver e que a principal traba das negociacións, que é o achegamento dos presos e das presas, continúa no mesmo punto.  “Non se acadou un acordo democrático que se basearía no recoñecemento do dereito a decidir de Euskal Herria e que superaría definitivamente o conflito político”, engade.

O obxectivo: un proxecto popular

Tamén sinala que moita xente aínda non aposta na independencia, pero que o dereito a decidir pode ser o eixo común da política vasca. Após, poderíase abrir o camiño ao proceso democrático para a conformación de Euskal Herria, “o reto é construír un proxecto popular entre todas e para todos”.

Para a ETA, o modelo independentista está no outro extremo dos modelos actuais, “a solidariedade entre todas as persoas e pobos, a igualdade, os dereitos humanos, o reparto da riqueza… deben ser a base. O trato deplorábel que os Estados europeos lles dan a milleiros e milleiros de refuxiados que foxen da miseria absoluta e as salvaxes guerras provocadas polos poderosos do mundo amósanos claramente o que non queremos ser”.

Comentarios