ETA: ''É hora de deixar de xogar coa vida e cos dereitos dos presos''

Sinala os gobernos español e francés como responsábeis "da dispersión, do illamento e dos castigos" que se practican nos centros penitenciarios de ambos os dous estados. Un recente informe europeo recoñece torturas


Após as mortes en prisión dos membros de ETA Ángel Figueroa e Xabier López Peña 'Thierry' e agora cun informe na man emitido polo Comité europeo para a prevención da tortura e das penas ou tratos inhumanos ou degradantes (CPT), a organización vasca volve arremeter contra os gobernos español e francés sinalando directamente aos seus responsábeis, Mariano Rajoy e François Hollande, como "culpábeis da dispersión, do illamento e dos castigos que sofren os presos".

Faino a través dun comunicado de imprensa que reproduce o diario Gara só uns días despois en que o citado documento do CPT dese por bos os testimonios de malos tratos e torturas presentados por pres@s dos centros penitenciarios españois, nomeadamente aquel@s vinculad@s a delitos de terrorismo. Recoñece incluso que a moza independentista Beatriz Etxebarría foi violada nos calabozos en 2011, tal e como ela denunciara nun relato en que detalla as torturas ás cales foi submetida: "berrábame na orella que me destrozaría toda por dentro, para que non puidera ter pequenos etarras". 

"É hora de deixar de xogar coa vida e cos dereitos dos presos", recalca ETA nun comunicado en que censura a actitude de ambos os dous estados (español e francés) por actuaren "como se non se producira ningún cambio significativo na situación políticas, tratando de colocar a responsabilidade do bloqueo sobre os ombreiros da esquerda abertzale" na expresión máis extrema do que a organización vasca considera "unha política de vinganza" que se ceba cos presos.

Acrecenta que, após o alto o fogo e o fin da loita armada, "o seguinte paso lóxico" para calquera persoa que realmente confíe nun proceso resolutivo integral "sería a repatriación dos presos e a superación das medidas de excepción". 

Comentarios