ETA comunicará esta quinta feira que o fin da súa "traxectoria" non resolve o conflito co estado

De acordo coa organización armada, a súa desaparición non pon fin á cuestión vasca: "O conflito non comezou con ETA nen remata co fin da traxectoria de ETA".

ETA

ETA enviou o pasado 16 de abril unha comunicación escrita a distintos axentes sociais e políticas de Euskal Herria. O texto foi filtrado ao xornal español ElDiario.es, que o publicou esta cuarta feira en exclusiva. Segundo Naiz, ETA fará pública esta quinta feira a súa decisión de dar por concluído o "seu ciclo histórico e a súa función". A organización armada desmantelaría "completamente todas as súas estruturas».

A disolución de ETA é produto dun debate entre a súa militancia, informa a organización no comunicado. ETA refire que ao longo destes anos houbo "negociacións formais" e "conversas secretas" para tentar a resolución do conflito, sen que fosen coroadas co suceso. "A falta de vontade para solucionar o conflito, algunhas veces, e as oportunidades perdidas, outra veces, alongaron o confronto e agravaron o sufrimento das distintas partes. Podía terse rematado antes", afirma a organización armada, ao tempo que asume "o sufrimento que causou como consecuencia da súa loita".

Entende que o novo contexto oferece unha oportunidade para "fechar definitivamente o ciclo do conflito" e para Euskal Herria "decidir o seu futuro entre todos", tarefa para a que é imprescindíbel "non repetir erros" e non permitir "que os problemas apodrezan".

Comentarios